Prisión sen fianza para o detido polo tiroteo en Vilamarín

O home abriu fogo contra unha familia e deixou catro persoas feridas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2022 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 de Ourense, en funcións de garda, decretou o ingreso en prisión, comunicada e sen fianza, para o detido polo tiroteo con feridos nunha gasolineira de Vilamarín, Ourense.

Xulgado de Instrución Nº3 de Ourense
Xulgado de Instrución Nº3 de Ourense

O home, de 48 anos de idade, detido o pasado martes polo tiroteo con catro feridos nunha gasolineira do municipio ourensán, pasou esta mañá de xoves a disposición xudicial, investigado por dous delitos de intento de asasinato e un delito de tentativa de homicidio polos que a Fiscalía solicitou a prisión comunicada sen fianza.

Na tarde do martes, o home, veciño de Amoeiro e de etnia xitana, trasladouse a unha gasolineira de Vilamarín, situada no polígono industrial de Tamallancos, e abriu fogo contra unha familia, tamén de etnia xitana, que se atopaba no local.

En concreto, ao redor das 16,00 horas foron catro as persoas que resultaron feridas, tres membros da familia e un veciño do municipio que se atopaba xogando ás cartas e que foi ferido leve. Os catro foron trasladados ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, dous deles feridos de consideración. O home foi interceptado por axentes da Benemérita cando tentaba darse á fuga portando no vehículo a arma co que supostamente se efectuaron os disparos.

As actuacións instruídas en relación con estes feitos foron declaradas secretas ata o momento, pero unha relación non consentida entre dous membros de dúas familias de etnia xitana barállase como a principal hipótese do tiroteo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta