A Xunta aproba a lei do ciclo da auga que segundo Feijóo "respecta a autonomía municipal"

A Xunta defende que se ofrece aos concellos con dificultades un modelo de adhesión para que cedan, se así o deciden de maneira voluntaria, a xestión dos seus sistemas de saneamento, abastecemento ou depuración a Augas de Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2022 | Actualizada ás 21:16

Comparte esta noticia

O Goberno galego aprobou na súa reunión semanal o proxecto de Lei de mellora de xestión do ciclo integral da auga. Un texto que, segundo defendeu o presidente, Alberto Núñez Feijóo, nace coa vontade de "ofrecer unha xestión profesional e de calidade" e de "responder á demanda de axuda dos concellos" para xestionar este servizo que é da súa competencia.

Despois de lembrar que agora será remitido á Cámara galega para a súa perceptivo trámite parlamentario, Feijóo repasou os obxectivos que se fixa este novo marco normativo. Así, perséguese "un uso racional" dos recursos hídricos, o aforro de auga, a optimización das redes de saneamento e a mellora da depuración.

Ao tempo, en relación á colaboración, a Xunta defende que se ofrece aos concellos con dificultades un modelo de adhesión para que cedan, se así o deciden de maneira voluntaria, a xestión dos seus sistemas de saneamento, abastecemento ou depuración a Augas de Galicia.

Nese sentido, remarcou que este novo paso na liña de apoio aos concellos para que cumpran coas súas responsabilidades non é unha novidade, xa que o Goberno galego mobilizou desde 2009 máis de 1.000 millóns de euros para executar obras e infraestruturas hidráulicas municipais.

"MELLOR XESTIÓN"

Con respecto á lei, Feijóo fixo referencia a 6 grandes eixos. En primeiro termo, salientou que o texto persegue unha mellor xestión, apostando pola integración de servizos e pola profesionalización e xerando economías de escala.

Tamén sinalou que regulará os modelos de xestión e o apoio aos concellos con máis dificultades, dándolles a posibilidade de que encomenden á Xunta a xestión das súas instalacións e ofrecendo apoio técnico e económico aos concellos que o soliciten. Ademais, subliñou, reordenará as taxas polos servizos de auga que se prestan desde a Xunta, respectando a autonomía municipal e sen crear novas taxas.

O texto pon o acento, ademais, nas actuacións nas redes para paliar verteduras e reducir fugas nas redes de abastecemento. E, por último, abundou Feijóo, apostará pola transparencia e a "participación real e efectiva" na tramitación da lei, que foi sometida ao trámite de consultas públicas, "ampliándose ata en dúas ocasións co fin de favorecer a posibilidade de facer achegas e suxestións".

INFORME DE AVALIACIÓN DOS EDIFICIOS

Noutra orde de asuntos, a Xunta establecerá un período de tres anos para que as comunidades de veciños de inmobles catalogados poidan presentar o informe de avaliación de edificio, no que se acredite o estado de conservación, a accesibilidade e a eficiencia enerxética; polo que, ademais de ampliarse en 24 meses o prazo de presentación, equipárase ao xa fixado para o resto de edificios de 50 anos ou máis.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda impulsou unha modificación do Decreto 61/2021, do 8 de abril, polo que se regula o informe de avaliación dos edificios e créase o seu rexistro na Comunidade Autónoma de Galicia, que o Consello da Xunta aprobou na súa reunión deste xoves. Así mesmo, a Xunta consultiva de ordenación do territorio e urbanismo centralizará as consultas sobre este ámbito de todas as entidades e organismos.

O decreto polo que se crea e regula esta entidade, que substituirá á Comisión superior de urbanismo, quedou aprobada tras ser sometido o texto ao Consello Consultivo.

MELLORAS NA XESTIÓN XUDICIAL

Por outra banda, a Xunta informou de que avanza nas medidas recollidas no III Plan tecnolóxico da Administración de Xustiza en Galicia, 'Senda 2025', coa autorización dun contrato que permitirá abordar "a mellora continua" para os usuarios do campo xudicial e a xestión dos sistemas e servizos dixitais, adaptándose ao proceso de consolidación dos servizos dixitais que establece o plan.

O novo contrato, que se publicará nos próximos días, cun investimento estimado de 7,6 millóns de euro, ofrecerá aos máis de 4.000 profesionais do ámbito xudicial un punto de interlocución único a través do Centro Integral de Servizos ás persoas usuarias dos sistemas e tecnoloxías da Administración de xustiza en Galicia.

Farao centralizando as consultas, incidentes e peticións de servizo. Ademais, abordará un novo modelo de atención in situ e xestionará a implantación e actualización das aplicacións e sistemas neste ámbito. Finalmente, este xoves a Xunta autorizou a contratación das obras do tanque de treboadas do Río Pontiñas e dos colectores de Lalín, cun investimento de máis de 6,7 millóns. E no ámbito marítimo, a Xunta informou de que os profesionais do mar de Galicia retiraron, co apoio do Executivo galego, case 120 toneladas de lixo do litoral entre 2020 e 2021.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nunha rolda de prensa tras a reunión do Consello da Xunta.. Rosa Veiga - Europa Press
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nunha rolda de prensa tras a reunión do Consello da Xunta.. Rosa Veiga - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta