O lume antropoxénico

O investigador en cambio climático Juan Antonio Añel Cabanelas advirte neste artigo de como o home está creando as condicións para que os lumes forestais cada vez sexan máis virulentos.

Por GCAgro | Oxford (Inglaterra) | 30/05/2014 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Juan Antonio Añel Cabanelas é un investigador ourensán que traballa na Universidade de Oxford en investigación climática e valoración de riscos para políticas de adaptación. Tamén é o coordinador científico de Climateprediction.net e traballa no proxecto ExCirEs da Universidade de Vigo.

Información sobre os lumes en Galicia en France.tv
Información sobre os lumes en Galicia en France.tv

Xa estamos nesa época do ano na que os nosos montes se ven ateigados de lumes. Fai unhas semanas tivemos o primeiro gran aviso con 200 hectáreas calcinadas na Serra da Lastra e tamén xa tocou en A Gudiña, Noia, Ribeira, na Capela ou Chantada.

Cos lumes chega o eterno debate: que se os medios destinados para apagalos son insuficientes,  que é ben mellor destinar os cartos a unha axeitada política de xestión medioambiental dos nosos montes e menos se queimaría, se os lumes son provocados, etc. Todo elo ben aderezado con declaracións de políticos (auténticos pirómanos parlamentarios nalgúns casos), ¿oportunistas? subvencións a medios de comunicación e imaxes en prensa que na rede dan xogo ata para ilustrar éxitos musicais como «ahí viene el bombero con la manguera...» .

De cada 100 lumes forestais en Galicia 95 son intencionados

Penso eu que na percepción colectiva dos galegos está bastante claro que o monte arde porque lle prenden. O de por qué lle prenden xa é outro asunto en sí mesmo: pirómanos (sorpréndome da cantidade de xente que debería sentir esa fascinación polo lume), por xente que só quere que leven uns cartos o peto os brigadistas,... O feito de que unha zona despóis dun lume sexa edificable, ou que ca madeira queimada se poda mercadear tamén pode ser que axude. A verdade é que esta percepción está en liña ca información que facilita o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, que nos di que de cada 100 lumes en Galicia polo menos 95 son a mantenta e que en Galicia somos campións de España nesta disciplina.

O último informe do Panel Intergobernamental de Cambio Climático afirma que a  resistencia e adaptación ós lumes nos últimos anos non ten mellorado no noso continente e que o cambio climático fará moito máis probables os lumes forestais. Ademáis xa se da por seguro que este incremento de lumes está a aumentar o risco de que a nosa terra remate asemellándose a un deserto. Outras investigacións teñen amosado un empeoramento nos últimos anos nas condicións que favorecen o inicio dos lumes e a súa propagación.

A evolución dos lumes forestais en Galicia amosa que con respecto a fai quince anos sufrimos moitos menos lumes, que entre o 2006 e o 2008 descenderon de forma continua e que dende 2009 o número de eles volveu aumentar significativamente.

A situación será especialmente grave para a provincia de Ourense

Pero o lume ten moitos máis factores. Preguntémonos: ¿ten aumentado nas últimas décadas o risco de lumes forestais en Galicia?, ¿ten o cambio climático algo que ver en elo?. Pois os científicos que se dedican a estudalo din que sí e que o risco aumentará inda máis.

Parece estar claro, se as condicións  que esperamos por mor do cambio climático son de temperaturas máximas máis altas e menos chuvia entón o monte estará máis seco e será máis doado que prenda. Pero non é simplemente que aumente o risco durante un período determinado do ano, senón que enriba disto a época do ano propensa a que se produzcan lumes xa é máis longa do que era fai uns anos. En Galicia o mes de marzo xa está a ir cara condicións máis propensas a aparición de lumes. Os resultados amosan que a situación no futuro será especialmente dramática para o leste da provincia de Ourense.

Ademáis o feito de sufrir lumes máis destructivos poderá afectar a calidade do aire e ter un efecto prexudicial na saude da xente, agravando enfermidades respiratorias e incrementando o uso do noso sistema sanitario. O mesmo se está a observar no caso de infraestructuras, xa que estes lumes provocan cortes por exemplo no transporte ou na rede eléctrica. 

Juan Antonio Añel, experto en cambio climático
Juan Antonio Añel, experto en cambio climático | Fonte: GC

Círculo vicioso entre lumes forestais e cambio climático

Pero inda por riba estamos nun círculo vicioso xa que os mesmos lumes que se prevé veremos máis a miudo, maiores e máis extensos teñen o efecto de facer máis potente o cambio climático, por exemplo facendo que o xeo de Groenlandia se derrita moitísimo máis rápido. De xeito máis claro: a cantidade que antes tardaba en derreterse máis de un ano, nas décadas vindeiras fundirase en menos de catro días.

Chegados eiquí e tras esta breve reflexión hai que dicir que o lume que ano tras ano asola os nosos montes é antropoxénico case sempre. É dicir, os lumes tamén son culpa túa e miña. Non fai falla ser un pirómano ou estar de churrascada no medio da fraga dándolle o chisqueiro para causalo. Hai que darse conta de que chega con estar na nosa casa creando un ambiente tropical a base de calefacción de gasoil ou abusando do aire acondicionado, ou simplemente non separando o lixo para que sexa reciclado. Hai que decatarse ademais que nos toca o peto a través dos impostos. No 2012 facendo números a factura que nos pasaron foi de polo menos 30 millóns de euros.

Evolución dos lumes forestais en Galicia
Evolución dos lumes forestais en Galicia | Fonte: J.A. Añel Cabanelas
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta