Calculan que sobre 30.000 familias poden beneficiarse o curso 22-23 da gratuidade de escola infantil en Galicia

A Fegamp solicitou que a Administración autonómica asuma todos os custos do servizo e non unicamente a parte das familias, o que implicaría facerse cargo da totalidade do servizo que actualmente cofinancian os concellos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2022 | Actualizada ás 19:03

Comparte esta noticia

Unhas 30.000 familias galegas beneficiaranse o próximo curso da gratuidade de escolas infantís, tanto nas de titularidade pública, autonómica ou municipal, así como nas privadas e nas de iniciativa social.

Precisamente, a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) abordaron este martes a gratuidade das escolas infantís, das que a Administración autonómica subvenciona a achega que fan as familias mensualmente. Con todo, a Fegamp solicitou que a Administración autonómica asuma todos os custos do servizo e non unicamente a parte das familias, o que implicaría facerse cargo da totalidade do servizo que actualmente cofinancian os concellos (no caso de gardarías da súa titularidade municipais).

No encontro, o Goberno autonómico instou os municipios a adaptar as ordenanzas fiscais para que os usuarios dos centros de titularidade municipal poidan beneficiarse desta medida "pioneira", que se puxo en marcha, por primeira vez, en abril de 2020 para segundos fillos e sucesivos e que o próximo curso será para todo os nenos e nenas de entre 0 e 3 anos.

Na reunión participaron o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rei, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez. Por parte da Federación de Municipios e Provincias estivo o seu presidente, Alberto Varela, ademais da xunta de portavoces do organismo.

Concretamente, a Xunta asumirá o custo da atención educativa e da matrícula que tiñan que abonar as familias, unha medida que, segundo un comunicado da Fegamp, os municipios apoian pero consideran que a Xunta "debe asumir todos os custos do servizo".

A Fegamp advirte de que a súa achega "segue sen cubrir os custos do servizo nas escolas públicas municipais", polo que, lembran, os municipios seguirán asumindo parte do que consideran unha "competencia autonómica". De feito, a Fegamp advirte de que nalgúns casos suporá "incrementar" a achega que teñen que facer, o que para certas arcas municipais pode ser "dificlmente asumible".

MALESTAR

No seo do encontro, no que participou toda a xunta de portavoces da Fegamp, os representantes locais trasladaron "o seu malestar" co Goberno autonómico, posto que consideran que se anunciou unha medida "á conta do esforzo dos concellos sen a participación" deles. Para a Fegamp, a Xunta "debe asumir todos os custos das escolas infantís públicas e garantir un servizo imprescindible" para os veciños como son as escolas infantís.

AMPLIACIÓN DE CRÉDITO

Precisamente, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes unha ampliación de crédito para a subvención ás familias das escolas infantís para segundos e sucesivos fillos deste curso 2021-2022.

Concretamente, este incremento responde o aumento de matriculacións en escolas infantís rexistrado neste presente curso con respecto ao anterior, de forma que se suma un millón de euros aos máis de 16 orzados para este fin.

Ademais, na xornada deste martes, a conselleira de Política Social, Fabiola García, desprazouse ata a localidade pontevedresa da Guarda para visitar o proxecto da nova escola infantil que se sumará á rede da Xunta a partir de setembro, que contará con 41 prazas en tres aulas.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visita unha escola infantil en Ferrol.. XUNTA
A conselleira de Política Social, Fabiola García, visita unha escola infantil en Ferrol.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta