Viana do Bolo e Vilariño de Conso prepáranse para a mascarada máis internacional

A celebración desta fin de semana contará con participantes chegados de Portugal e Italia, un mercado artesanal e 'sesión vermú'.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Viana do Bolo e Vilariño de Conso prepáranse para unhas das xornadas máis animadas do ano. Ambas as dúas vilas ourensáns recibirán a chegada dos case 40 grupos de mascaradas procedentes de diferentes provincias de España, Italia e Portugal, que encherán de tradición as súas rúas coa celebración da VII edición do Festival Internacional ViBoMask Mascarada Ibérica, presentado hoxe no Salón de Plenos de Viana do Bolo.

Mascarada Ibérica 2020. Foto: XMF
Mascarada Ibérica 2020. Foto: XMF

En concreto, e segundo apuntan dende a organización, os grupos participantes nesta sétima edición proceden de Ourense, A Coruña, Lugo, Pontevedra, Asturias, Castela e León, Castela A-Mancha e o País Vasco. Alén das fronteiras estatais, destaca a contribución de Portugal --Bragança e Viseu-- e de Italia, con participantes chegados de Sardeña. 

No acto de presentación participou a xerente do Inorde, Emma González; o alcalde e o concelleiro de Cultura de Viana do Bolo, Andrés Montensinos e Abelardo Carballo, respectivamente; a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía; o presidente da Asociación de folións Rurais de Viana e da Asociación Robreda, Jorge Domínguez; e a vogal da Asociación “Xuntos polo folión” de Vilariño, Nieves Rodríguez.

Jorge Domínguez foi o encargado de explicar a programación organizada para esta sétima edición que “cada ano crece e incorpora novas actividades para que serva de escaparate tamén da nosa gastronomía, artesanía e música”. Así mesmo, o presidente da Asociación de folións Rurais de Viana e da Asociación Robreda dixo que este tipo de eventos “deben desenvolverse no rural porque é aquí onde nacen as nosas raíces e nos permiten contribuír a manter viva a herdanza dos nosos antepasados”.

PROGRAMA

As actividades desta edición comezarán xa o venres, 18 de marzo, en Viana do Bolo, a partir das 11.30 horas cunha conferencia que baixo o título “Unha ollada antropolóxica” celebrarase no IES Carlos Casares. Así mesmo, ao longo da mañá poderá visitarse a exposición sobre o Entrudio de Viana do Bolo na propio sala de exposicións do Concello. E, ás 20.00 horas, comezará a foliada polas rúas de Viana con diferentes grupos de música.

Mascarada
Mascarada | Fonte: cultura.gal

Ao día seguinte, o 19 de marzo, o Festival continuará en Viana do Bolo onde, ademais de continuar aberta a exposición, a partir das 11.30 horas inaugurarase “ViBoMarket”, o mercado de produtos artesanais locais que estará ubicado na rúa Ceferino Armesto e a rúa das Mazairas). A música chegará coa sesión vermú ás 12.30 horas, e o desfile desta edición de Mascaradas Ibéricas terá lugar a partir das 16.30 horas. Por último, ás 20.00 horas haberá actuacións musicais na Praza Maior, que continuará co “ViBo Music” a partir das 22.00 horas.

O último día do festival, o 20 de marzo, as actividades trasladaranse ata Vilariño de Conso onde a partir das 10.00 horas abrirá o “ViBo Market” no campo do fútbol do municipio. E, a partir das 11.30 horas, celebrarase o esperado desfile de Mascaradas Ibéricas. Pola tarde, continuará a programación, pero no Concello de Viana do Bolo, ás 17.30 horas, coa representación da obra “A viaxe de José do Campo: unha historia musical dende O Courel ata Nova Orleáns”, ACF O Fiadeiro xunto con exalumnos da ESAD de Galicia, na Casa de Cultura do municipio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta