O sector agrogandeiro, en xaque: "Nunca nos vimos nunha situación tan mala coma esta"

Ao aumento dos custos de produción súmase agora unha folga de transportistas que provoca desabastecementos nas granxas e fai perigar a recollida do leite. Sobre a mesa colócase con contundencia a necesidade de apostar pola autosuficiencia e a soberanía alimentaria: "Hai que poñer o país a producir".

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Non acordo unha coma esta. Non é só que os produtos suban de prezo, senón que escasean. Aínda pagándoos caros, non chegan". Xaquín López, socio de Finca Arosa, unha explotación de case 400 vacas na comarca de Ordes, ten o millo contado para unha semana, aínda que sabe de veciñanza que só ten abastecemento para tres ou catro días. A partir de aí, a alimentación do gando queda no aire: "se isto non se amaña, terán que conformarse con forraxe, pero a produción vai baixar e os animais descompénsanse porque non teñen a súa dieta habitual", explica ao teléfono.

Arquivo - Varias vacas comen nunha gandaría. H.Bilbao - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Varias vacas comen nunha gandaría. H.Bilbao - Europa Press - Arquivo

O relato de Xaquín é común a todas as explotacións gandeiras ao longo do país, que se atopan en xaque ante unha suba de prezos nas materias primas sostida desde hai meses e disparada a raíz do inicio da guerra en Ucraína. A isto súmase unha folga no sector do transporte que provoca desabastecemento de alimentación para o gando e fai perigar tamén a recollida do leite. "Xa hoxe algunha empresa - sei de Lactalis - está pensando se recoller ou non, porque teñen dificultades de almacenaxe. Este é un problema gordo porque as perdas serían enormes", sinala Xaquín, que teme que a negativa dunha empresa a recoller leite leve a un "cambio de criterio" xeral.

VENDER A PERDAS

Hai tan só uns días, o conselleiro de Medio Rural, José González, advertía nunha entrevista  de que hai "risco de desaparición" do secto gandeiro en Galicia. Rusia e Ucraína son dous actores internacionais estratéxicos na comercialización da enerxía, fertilizantes e cereais, de maneira que o conflito desatado nestes países ten unha repercusión clara sobre as explotacións agrogandeiras, nas que se está producindo un "fenómeno de venda a perdas xeneralizado".

Vanesa Carro é gandeira na explotación familiar Carro S.L., tamén na comarca de Ordes, e leva tempo vendo como se inflan todas as súas facturas. "No caso da fariña de millo os prezos subiron un 61%, e no caso da soia un 25%. No apartado da recría teño un 40% máis de gastos", explica. A iso súmase o incremento dos prezos no gasoil agrícola, onde o sector gandeiro pasou de gastar 0,80 euros/litro a gastar un total de 1,45 euros/litro. Dende decembro, Carro viu como a luz se incrementou un 57% e como o abonado para as forraxes subiron un 83% con respecto ao ano pasado. 

Un gandeiro traballa na leira onde pastan as súas vacas do barrio da Tolda, en Lugo. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Un gandeiro traballa na leira onde pastan as súas vacas do barrio da Tolda, en Lugo. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

"Todo isto estanos afectando de maneira moi negativa e directa á explotación gandeira. Os custos son moito maiores para sacar a mesma produción de leite", sinala Carro, que se atopa ás portas das campañas de ensilado e sementeira do millo cunha situación de gran incerteza e perigo de desabastecemento de materias primas. "Hoxe están os camioneiros protestando, pero mañá podemos estar nós. Precisamos algún tipo de intervención para que se regularicen os prezos. O que percibimos polo leite debería cubrir os custes de produción e deixar algo máis, porque o gandeiro necesita dun salario", sentenza.

 A GUERRA, A GOTA QUE COLMOU O VASO

Esta "situación límite" do sector agrogandeiro leva tempo cociñándose. "Vén de longo, a guerra non fixo máis ca complicalo todo", di Carro. Como esa gota que colma o vaso, o conflito no leste de Europa, con Rusia como primeiro exportador de trigo a nivel mundial e Ucraína como fornecedora do 35% dos cereais que entran na Unión Europea, agravou esa tendencia alcista dos prezos que xa empezara con intensidade o ano pasado. 

"A principal preocupación é, por unha banda, a que temos enriba, e pola outra, a incerteza dunha situación nova que non sabemos ata onde vai chegar", explica Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, que engade dúas variables máis alá do incremento "brutal" dos custos de produción: os "prezos estancados aos que vendemos o leite" e unha administración que "non está aportando nada ao sector". 

Este "cóctel" provoca que moitas explotacións vexan perigar as campañas de sementado do millo e dubiden se enfrontar ou non os gastos para alimentar o gando. "Isto terá grandes consecuencias na produción do leite. Se os animais están mal alimentados haberá menos produción e mesmo merma de cabezas, que se terán que sacrificar ata pechar as explotacións", sinala Manuel Dacal dende a Federación Rural Galega (FRUGA), que engade que a viabilidade do sector a curto prazo está "en risco":

A realidade que chega ata o sindicato Unións Agrarias é a mesma. "Os gandeiros están tendo que tirar dos aforros para alimentar o gando. Nós non temos posibilidade de pechar e abrir dentro de tres meses. O que pecha manda as vacas ao matadoiro e xa non volve". Roberto García explica que a folga de transportistas só empeora a situación. "Se non respectan os criterios mínimos, o abastecemento de pensos queda en risco. Teño que deixar morrer o gando na corte? É importante que cumpran uns servizos básicos para asegurar a alimentación animal e a recollida de produtos perecedoiros", engade, porque senón "a folga non lla fan ao goberno, fánllela aos gandeiros". 

Estes "prezos prohibitivos" das materias primas non veñen acompañados dun "prezo xusto" para o leite, di García. "Dispáranse os custes sen que os prezos se movan: os becerros seguen á baixa e o leite subiu unha porcentaxe que non cubre gastos". 

ESPECULACIÓN

Dende FRUGA alertan dunha "operación especulativa" como causa destes continuos aumentos dos custos de produción. O sindicato considera, pois, que a guerra en Ucraína se está "utilizando como excusa" para "xustificar" unha situación que, segundo indican, non é "exclusivamente imputable" ao conflito. Na mesma liña se explica Vilalba dende o SLG: "No tema dos cereais existen grandes grupos de inversión que moitas veces non poñen en circulación determinadas materias primas coa expectativa de que van gañar máis" nese xogo entre oferta e demanda.

Fronte a este problema, o sector denuncia a "pasividade" das administracións. "Sangrante" no caso da Xunta de Galicia, puntualiza Vilalba. "Dá a sensación de que se conforman con botarlle a culpa ao Goberno, que á vez, só aposta por políticas curtopracistas". A última medida anunciada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación pasou por flexibilizar de maneira temporal as condicións para a importanción do millo desde Arxentina e Brasil, que ata este momento estaba vetado pola Unión Europea por non cumprir coa lexislación relativa aos riscos de seguridade alimentaria. Desde o SLG denuncian que estes produtos, prohibidos por ser "agrotóxicos ou transxénicos", teñan agora "vía libre ata chegar á mesa da xente".

SOBERANÍA ALIMENTARIA

"Hai que poñer o país a producir. Hai que dar un xiro de enfoque". Así resume Xaquín López unha das solucións de calado e a longo prazo que cada vez máis actores poñen enriba da mesa, máis alá dun plan de continxencia "inmediato" para asegurar o futuro das granxas. Trátase de reformular o modelo de agricultura e gandaría e apostar pola soberanía alimentaria e enerxética como "pedras angulares" para resolver esta crise. "Temos que falar da necesidade de impulsar modelos agroecolóxicos moito menos dependentes de insumos do estranxeiro e de combustibles fósiles", di Vilalba. "Isto está no debate, pero aínda non se corresponde con medidas reais que se poñan en marcha".

Segundo datos do SLG, Galicia leva perdendo superficie agraria últil desde hai trinta anos. "Temos ao redor dun 21% de SAU, unha das porcentaxes máis baixas de Europa". Para chegar a estes datos, Vilalba asegura que se "desprezou" que a terra estivese orientada á produción de alimentación para as persoas e os animais, de maneira que as explotacións puidesen abastecerse sen depender de países estranxeiros.

As políticas impulsadas pola Xunta de Galicia camiñan "no sentido oposto", sinala. "A xente moza con proxectos agrarios ten dificultades para acceder á terra. Non hai ningún tipo de apoio fóra de grandes anuncios", prosegue Vilalba, que pide axudas directas ás persoas en activo e que os prezos que chegan ás granxas cubran os custos de produción. "A Lei da Cadea existe sobre o papel pero na realidade non aporta as solucións que o sector precisa", sinala.

Tamén dende FRUGA, Manuel Dacal pon o foco na necesidade de "promocionar o pastoreo" para reducir a dependencia fronte a unhas políticas "ilóxicas" por parte da Xunta que impulsan "macrogranxas e concentración da produción", expón. Roberto García, pola súa banda, pide que "non nos permitamos que peche unha soa explotación". "Igual que o Estado saíu ao rescate da hostalaría, pedimos que agora que nós estamos contra as cordas, se poñan medidas enriba da mesa. Senón, pagarémolo todos a curto prazo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta