Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2022 | Actualizada ás 13:14
Nova estocada na guerra aberta sostida entre o PPdeG e a presidenta do PSdeG Carmela Silva. Os populares lanzáronse contra a presidenta da Deputación de Pontevedra despois da sentenza xudicial condenatoria contra un funcionario do Concello de Vigo responsable dun caso de 'enchufe' no que se viu implicado un familiar próximo da representante socialista. Silva contraataca agora apuntando ao "caciquismo" do PP, unha denuncia sostida nos últimos anos pola presidenta provincial.
En particular, a denuncia trasladada ao público por Silva garda relación cos convenios que a Xunta de Galicia tería desenvolto de parte da Consellería de Medio Ambiente en 2021 na provincia de Pontevedra; uns acordos que supoñerían, de acordo coas mesmas fontes, 3'5 millóns de euros de desembolso total.
O informe sobre o #caciquismo da @Xunta presentado por Carmela Silva desvela que o 100% dos convenios a 👉 que asinou a Consellería de Medio Ambiente en 2021 nesta provincia foron para concellos do PP. Importe total: 3,5 millóns de euros de tódolxs galegxs.
— PSdeG-PSOE Pontevedra (@PsoePontevedra) March 16, 2022
Fío 👇 pic.twitter.com/aMwPtTxIcn
A crítica lanzada pola presidenta do PSdeG ao PP inclúe o reconto particular das distintas obras financiadas da banda de Medio Ambiente en concellos populares como Salvaterra, Mos ou Marín. Este último destaca especialmente por recibir a cantidade de 2 millóns de euros orientados á construción do autorio municipal. "Resumo: un auditorio, un campo de fútbol e un popurrí de obras en rúas e 'actuacións en materia de urbanismo'. E todo para concellos do PP", reiteran dende a bancada socialista..
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.