Por X.M. Fernández | Verín | 17/03/2022 | Actualizada ás 09:00
A iniciativa do Concello de Verín ten como obxectivo coñecer os recursos habitacionais dos que dispón a vila para poder coordinar coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a maneira máis efectiva de ofrecer a axuda necesaria ante a crise humanitaria provocada pola guerra en Ucraína.
O tenente de alcalde, Diego Lourenzo Moura, quixo agradecer, en nome de todo o grupo de goberno, as "incesantes mostras de solidariedade" que está a mostrar a veciñanza de Verín co pobo ucraíno e explicou que "mentres se manteña a situación de emerxencia, pedímoslle aos nosos veciños e veciñas que se informen sobre como apoiar efectivamente á poboación ucraína". O feito de descoñecer cales son as vías máis axeitadas para ser solidarios, nesta situación de emerxencia, salientou Lourenzo, "en moitas ocasións resta eficacia ás intencións solidarias cando o imprescindible é a colaboración efectiva".
A Dirección Xeral de Relación Exteriores da Xunta de Galicia reuniuse con representantes da FEGAMP (organización da que o Concello de Verín forma parte), do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (Verín é socio activo), coa Coordinadora Galega de ONGD e con entidades especializadas para fixar unhas recomendacións que axuden a canalizar a axuda co pobo Ucraíno.
Entre estas recomendacións, salientar as seguintes: paralizar as doazóns de bens en especie, priorizar as achegas económicas a través de ONGs e organismos internacionais despregados no terreo como son a Coordinadora española de ONGD, Cruz Roja Internacional, Fondo humanitario para Ucraína das Nacións Unidas e ACNUR, non facer envíos de materiais por conta propia e non desprazarse para buscar persoas, menos aínda tratándose de menores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.