Chaman o rural ourensá a "organizarse" para frear o aumento de macrogranxas

Ecoloxistas en Acción presenta unha guía cos pasos que pode dar a veciñanza para impedir que se instale máis gandaría industrial na súa comarca.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Ecoloxistas en Acción de Ourense chama a veciñanza do rural ourensá a "organizarse" para frear o despregamento da gandería industrial na provincia. Ante o que denuncian como "desleixo das administracións", a organización ecoloxista vén de confeccionar unha guía cos pasos que pode dar a veciñanza para impedir que se instalen máis macrogranxas na súa comarca. Trátase dun manual para que as persoas dos pobos afectados pola gandería industrial dispoñan de ferramentas xurídicas e administrativas para facer fronte aos "incesantes asentamentos de industriais de gando intensivas".

Macrogranxa de polos
Macrogranxa de polos | Fonte: arquivo

Esta guía está adaptada á normativa autonómica galega e contou con asesoramento da Coordinadora Stop Ganadería Industrial, da que froma parte Ecoloxistas en Acción e outras 40 organizacións de todo o Estado. “Hai unha ampla problemática asociada a este tipo de industria: á contaminación ambiental en diversas áreas (auga, aire, solos, subsolos) engádese a ameaza para a saúde pública que supoñen estas instalacións preto dos pobos e das vivendas, como os altos índices de nitratos dos pozos particulares", sinala Montse Valencia, integrante da coordinadora e tamén representante da plataforma Auga Limpa XA da Limia.

Desde Ecoloxistas en Acción alertan de máis prexuízos, entre eles, a desvalorización patrimonial de bens particulares. "Ninguén que coñeza os problemas das macrogranxas vai compar unha propiedade, un terreo ou iniciar unha actividade empresarial nunha zona afectada por elas", explican.

Así mesmo, lembran que a Xunta de Galicia é responsable do outorgamento de autorizacións tanto para novas instalacións gandeiro-industriais como para a ampliación das existentes. A pesar disto, a Xunta "non facilita ferramentas de información á veciñanza", denuncian. "Ecoloxistas en Acción atende as veciñas e veciños que acuden a eles e axudámolos a comprender cal é o procedemento a seguir para denunciar ou para, polo menos, solicitar información", proseguen nun comunicado.

E é que, segundo explican, "a veciñanza non é única que precisa documentarse, senón que hai moitos rexedores municipais que descoñecen o que teñen ou poden facer para frear estas instalacións". “Hai zonas como a Limia en Ourense ou o Deza en Pontevedra cunha carga gandeira intensiva tan brutal que se converten en comarcas cunha situación de contaminación ambiental irreversible. A veciñanza acaba marchando e os pobos quedan baleiros", sentenza Nancy Blanco, voceira de Ecoloxistas en Acción de Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta