As lonxas galegas comezan a tirar o peixe ante o bloqueo das estradas: "perdemos dous millóns ao día"

Os piquetes continúan en varias estradas chave para o transporte mentres que a sombra do desabastecemento comeza a pender sobre novos sectores. O Goberno asegura que fará o necesario para garantir o subministro de todos os produtos, incluíndo un reforzo da presenza policial para escoltar os camións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2022 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

Os problemas polo paro do transporte aumentan en Galicia na cuarta xornada, na que se comezou a tirar peixe ante a imposibilidade de poder transportalo, con perdas millonarias nos principais portos. Ademais do anuncio da industria de non recoller o leite a gandeiros, diferentes sectores xa notan o impacto, a construción alerta de que non poderá seguir coas obras desde este venres, hai falta de materiais na metalurxia e a conserva asegura que se ve obrigada a "parar progresivamente" a súa produción. Pola súa banda, o risco de desabastecemento acentúase en varios produtos: empresas de auga mineral avisan de cesamentos da produción.

Mentres, continúan os piquetes en estradas como a entrada a Galicia en Pedrafita, así como no Corgo, do mesmo xeito que portos como o da Coruña. A asociación Apetamcor convocou este xoves unha marcha por Ourense ata a Subdelegación do Goberno.

Ante esta situación, o delegado do Goberno, José Miñones, anunciou que se vai a "reforzar a presenza policial", de forma que xa "son máis de 2.000 axentes" actuando en Galicia e realízanse "400 acompañamentos a diferentes transportistas", posto que as empresas "están a solicitar esa axuda". "Non imos tolerar que se produza o que estamos a ver estes días de coacción aos que si queren traballar", sentenza.

Lonxa de marisco en Burela / Carlos Castro/Europa Press
Lonxa de marisco en Burela / Carlos Castro/Europa Press

Na mesma dimensión, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, asegurou que o Goberno actuará con "firmeza" para que se restableza canto antes o abastecemento alimentario tras o paro de transporte dos últimos días, convocado por un grupo minoritario que "está a boicotear" o abastecemento. Así se pronunciou tamén a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, asegurou na mañá deste xoves que a cadea de distribución "está garantida" pese ao paro de transportistas que se mantén activo desde a xornada do mércores.

DESTRUCIÓN DE PEIXE

O presidente dos armadores de Vigo (ARVI), Javier Touza, informou de que este xoves se tivo que destruír peixe de "gran valor" procedente de capturas en Irlanda porque "se sabotearon os camións". Chega o produto ás lonxas, pero "non hai poxa porque están parados os transportistas" ao desprazalos a centros loxísticos, o que "significa a destrución de produto".

Remarca que isto produce unha "aceleración de parada da frota", especialmente de cerco e Gran Sol en principais portos, tales como A Coruña, Vigo, Burela e Celeiro. "É inasumible saír a pescar a un euro o litro", pero agora súmase a "folga salvaxe do transporte" que está a actuar de "maneira violenta". Explica que non hai tanto problema á hora de cargar en portos, senón a metade de camiño en zonas como Benavente ou fronteira con Portugal. De feito, varias empresas estudan presentar querelas criminais.

Ante esta situación, o responsable de ARVI reclama axudas para a frota, pois xa hai peticións de despezamento para pesqueiros de Gran Sol. Esixe ás administracións "medidas inmediatas" porque se non, vaise cronificar" o problema. Cifra nuns 2 millóns de euros ao día as perdas asociada ao sector pesqueiro en Vigo.

O presidente da lonxa da Coruña, Juan Carlos Corrás, destaca que a actividade está ao 10% do habitual, o que é "insustentable", xa que só se chega ao mercado local e a algúns compradores polo miúdo, "pero impídese sacar o peixe ao resto de portos". Cifra en máis dun millón de euros as perdas no porto da Coruña durante esta semana. Estes días factúranse uns 300.000 euros, mentres o habitual nunha semana está entre "o millón ou millón e medio de euros" de primeira venda. 

DESABASTECEMENTO

Os desabastecementos que se producen de materias primas no sector primario, a construción ou o sector da conserva esténdese a outros produtos. Así, a Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (Agamin) alerta de "problemas" nese abastecemento. Nun comunicado, chaman a atención sobre que as plantas envasadoras "están ao límite" da súa capacidade de almacenamento, sen subministración de materia prima e "preto de suspender a súa actividade por non poder dar saída á súa produción".

Agamin está integrada por seis empresas de auga mineral: Cabreiroá, Augas de Sousa, Fontecelta, Auga Sa, Sanxinés e Augas de Cospeito. Contan con 250 postos de traballo directos e 300 indirectos. Esta entidade advirte de que, "ante a gravidade da situación, poderían verse obrigados a pór en marcha procedementos de ERTE.

O vicepresidente de Tradime --unha das organizacións que alentan a folga de transportistas--, José Fernández, refírese a a posibilidade de "desabastecemento" de diferentes mercadorías. "Pola zona de Lugo temos practicamente a totalidade do sector parado e hai varios puntos con vehículos retidos, en Vilalba e en Nadela", sinala. "A situación está como estes días atrás, desde que se iniciou o paro o pasado luns, onde a actividade é nula ou practicamente nula".

FALTA DE MERCADORÍA NO COMERCIO

Esta problemática comeza a xeneralizarse a máis sectores, tal é o caso do comercio. A Federación Galega de Comercio sostén que se "está xa sufrindo as consecuencias da folga de transportes por estrada ao non poder recibir mercadoría", o que "está a afectar ás súas vendas". Advirte de que o comercio de proximidade padece falta de "produtos e repostos" para "poder realizar con normalidade a súa actividade, satisfacer a demanda dos seus clientes ou responder os compromisos adquiridos cos mesmos". "Se a situación se alonga, as consecuencias poden ser nefastas para moitos empresarios do comercio galego", augura a Federación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta