Aprendendo galego a distancia e na casa en calquera parte do mundo

Cursos preparatorios do Celga 2 e Celga 4 uniranse ao curso básico presentado o ano pasado, que xa conta con máis de 3.000 inscritos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2022 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

A Xunta amplía a oferta formativa de autoaprendizaxe en liña cos cursos preparatorios do Celga 2 e Celga 4 tras o "gran éxito" do curso básico, inaugurado o ano pasado.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, anunciou o lanzamento nunha rolda de prensa. Ademais, a subdirectora de política Lingüística, Lourdes Batán, avanzou que están a traballar para poder sacar o Celga 3 o ano que vén.

Tal e como informou García, no curso básico hai inscritas actualmente máis de 3.000 persoas, "o que mostra o gran interese que este espertou e que motivou á secretaría a seguir apostando por este tipo de formación, ampliándoa a todos os niveis". Valentín García explicou que lanzaron non só a continuación do básico, o Celga 2, senón tamén o Celga 4 porque é "sen dúbida" o que máis demanda a cidadanía.

O secretario xeral de Política Lingüística destacou que os puntos fortes desta modalidade son a posibilidade de acceder desde calquera lugar do mundo, xa que "cada vez son máis os descendentes de galegos que se interesan por coñecer e estudar a lingua", así como que teñen liberdade de compatibilidade e moita accesibilidade.

OS CURSOS

Estes cursos supoñen a adaptación en liña e de autoaprendizaxe dos cursos tutorizados, tal e como explicou o representante de Imaxin, a empresa de profesionais encargada de desenvolver o programa, Diego Vázquez. Tanto o Celga 2 como o 4 contan con oito unidades con 30 actividades multimedia interactivas cada unha, nas cales hai exercicios de gramática, compresión oral, lectora e unha parte dedicada a coñecer a cultura galega.

Ao ser cursos preparatorios, é dicir, que non certifican o nivel de maneira oficial, contan con exemplos de exames oficiais do para que os inscritos poidan facerse unha idea de como é a proba real.

Teñen unha inscrición gratuíta e estarán dispoñibles a partir do 21 de marzo na web da Plataforma de teleformación da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do Portal da Lingua Galega.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presenta os cursos Celga 2 e 4 de autoformación. CONCHI PAZ
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presenta os cursos Celga 2 e 4 de autoformación. CONCHI PAZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta