Paralización total da construción dende este venres en Galicia por falta de subministros

A CEG apunta á folga de transportistas pero tamén á alza desmesurada dos carburantes e certas materias primas fundamentais para este e outros sectores da economía galega.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2022 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

O sector da construción de Galicia parará este venres por falta de subministracións e stock, segundo avanzou o presidente da patronal da construción galega, Diego Vázquez Reino, nunha rolda de prensa celebrada este xoves pola Confederación de Empresarios de Galicia para dar conta dos efectos da guerra en Ucraína na economía.

Reino insistiu en que o paro non é unha medida de presión ante a situación, que si criticou, senón por unha falta de subministracións que lles impide continuar traballando. "Estivemos modulando os traballos e os stocks para non parar a actividade do todo, á espera de que houbese algún anuncia de solucións para todo isto", sinalou o presidente da patronal, que apuntou ademais que, de alongarse o parón, terán que solicitar Ertes ou suspensión de contratos.

Segundo explicou, esta situación prodúcese tras os sucesivos paros desde principios de semana na industria cementeira, e por tanto na do formigón, así como na de produción de elementos siderúrxicos. Asegurou ademais que a "espiral alcista" na que ven inmersos os custos de combustibles e enerxía, os seus custos produtivos aumentaron un 22%. "Moitos dos que estamos aquí estimamos que ademais non volveremos ás condicións de prezos anteriores", comentou en referencia aos demais sectores representados na rolda de prensa --o pesqueiro e o industrial--.

SECTOR METALÚRXICO

Na mesma liña vai a análise exposta polo representante da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), Enrique Mallón, que denunciou a falta de materias primas --moitas delas importadas de Rusia-- debido ao conflito bélico e a dificultade para a súa distribución pola folga no transporte. Mallón lembrou que o sector do metal é "fundamental" para a economía galega, xa que supón ao redor do 20% do PIB de Galicia e concentra a máis de 57.000 traballadores.

"Empezamos a ter problemas serios para cumprir contratos en aeronáutica e automoción, entre outros, o que leva sancións", alertou Mallón, que detallou que a crise ucraína está a afectar especialmente á importación de materias primas como o aceiro ou o paladio --Rusia produce preto do 40% deste metal, clave para a automoción e a maquinaria especial--. Isto, insistiu, provocou paróns en distintas plantes de España.

"TREBOADA PERFECTA"

A nivel máis xenérico, o presidente da CEG Juan Manuel Vieites explicou que a crise ucraína, e tamén a folga de transportes, cortaron a recuperación sustentable coa que se contaba, ao que se engade ademais unha situación de "volatilidade e incerteza".

Vieites definiu a situación como "a treboada perfecta" e apuntou que, aínda que as empresas estean a levar a cabo plans de continxencia, as Administracións tamén teñen responsabilidades. "Poden tomar medidas, por exemplo, nos prezos desorbitados do combustible, nos impostos, como xa fixeron outros países".

Solicitan tamén a retirada conxuntural da taxa ao CO2, unha moratoria dun ano dos préstamos ICO, abrir mercados alternativos de aprovisionamento "para que non sexa necesario parar" e adaptar os prezos dos contratos públicos á realidade do mercado. Respecto ao amparo comunitario, piden acelerar a posta en marcha dos fondos Next Generation e, a medio e longo prazo, "robustecer o tecido produtivo" e potenciar as enerxías renovables, de menor custo, sobre as fósiles; así como soster a demanda interna como "elemento vital para a recuperación económica".

Construción do Hospital Gran Montecelo de Pontevedra.. XUNTA
Construción do Hospital Gran Montecelo de Pontevedra.. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta