Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2022 | Actualizada ás 16:02
A concelleira de Medio Ambiente de Ferrol, Ana Lamas (PSOE), acusou á Xunta de "non estar a tomar ningunha medida para reducir" a presenza de xabaril en varias zonas do centro urbano desta cidade, e que, segundo a edil, "están a causar graves problemas".
"Nada se sabe dese famoso convenio de colaboración cos concellos que se anunciou hai uns meses", sostivo a concelleira este xoves no Concello de Ferrol, onde lembrou que o xabaril é "unha especie cinexética" e que, por tanto, "é a Xunta a que ten as competencias, por ser fauna salvaxe".
A edil socialista asegurou que o Consistorio xa ten preparada a contratación dun servizo para tratar de controlar a poboación deste animal. "Puxémonos en contacto con varias empresas especializadas e xa temos o prego para poder realizar esta contratación", explicou a concelleira, que insistiu en que "oxalá" non tivesen que facelo tendo en conta que "o control de animais salvaxes lle pertence á Xunta".
ESTUDO PREVIO
Segundo o informe encargado, o primeiro que haberá que establecer é "un estudo do censo de xabaril para saber o número e tipo de exemplares que existen", así como "as súas zonas de tránsito". Ademais, incluirá o tipo de trampa máis idónea a empregar, así como os lugares de colocación", un traballo para o que se estima que será necesario un mes.
Nunha segunda fase, nun prazo de seis meses, poranse en marcha as medidas necesarias para erradicar a presenza do xabaril por varias zonas de Ferrol, principalmente nos barrios de Canido, Ferrol Vello e Caranza.
Segundo Ana Lamas, "en principio o que se vai a utilizar é unha gaiola para a captura de piaras e outra de tamaño individual" e se estas non ofrecen os resultados esperados, "buscaranse outras localizacións", detallando que é "a Xunta a que nos di como temos que facer este traballo, descargado sobre os concellos, unha vez máis, unha das súas competencias", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.