Temas: RAG

A RAG lembra a figura do seu expresidente Xosé Ramón Barreiro, "modernizador" da institución

"A súa obra marca un fito de extraordinaria relevancia na construción da identidade da nación", salienta. Queda por celebrar outra homenaxe física a outro dos académicos mortos o pasado ano, Xosé Franco Grande.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 17/03/2022 | Actualizada ás 19:32

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega (RAG) lembrou este xoves a figura do seu expresidente Xosé Ramón Barreiro, "modernizador da institución e construtor da identidade da Galicia presente".

Acto de homenaxe na RAG ao seu expresidente Xosé Ramón Barreiro
Acto de homenaxe na RAG ao seu expresidente Xosé Ramón Barreiro | Fonte: RAG.

"Como xestor, a RAG beneficiouse da dedicación de Xosé Ramón Barreiro e das súas capacidades. Como intelectual e como historiador, a súa obra marca un fito de extraordinaria relevancia na construción da identidade da nación, unha visión nova e moderna da Galicia histórica e da Galicia do presente", expuxo o presidente desta institución, Víctor Freixanes.

O acto celebrouse con gallo do primeiro aniversario do seu falecemento e tivo lugar na RAG, institución que presidiu entre 2001 e 2009. Tamén o pasado ano faleceu outro dos grandes académicos da institución, o tomiñés Xosé Franco Grande, ao que a RAG tamén lle debe outra homenaxe.

Barreiro foi, segundo destacou Freixanes, un autor "fundamental" dos estudos da historia da Galicia contemporánea e da súa divulgación; un bibliófilo erudito, orador brillante e impulsor dunha nova etapa de renovación da RAG a comezos deste século.

Todos estes perfís foron evocados nun programa que xuntou compañeiros, amizades e discípulos. "Este é un acto de memoria e de agradecemento a quen dedicou tempo, esforzo e moito talento para pór ao día a institución histórica da cultura galega", destacou Freixanes.

Temas: RAG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta