A Xunta abre este luns o prazo para as solicitudes á nova edición do bono turístico

Haberá tres tipos de bonos: un de 250 euros, outro de 375 euros e o terceiro de 500 euros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2022 | Actualizada ás 12:01

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, do cartón Bono Turístico #QuedamosEnGalicia22 e procede a súa convocatoria para este ano dirixida a todas as persoas maiores de 18 anos, empadroadas en calquera dos municipios de Galicia.

Segundo informa Vicepresidencia Primeira, o prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará ás 00.00 horas do día 21 de marzo e termina o 2 de maio de 2022.

Esta nova edición do bono turístico ten como obxectivo estimular a demanda turística interna, a través do consumo de servizos e prestacións turísticas en calquera dos establecementos adheridos ao programa e pretende paliar a estacionalidade turística. A duración do procedemento coincidirá coa vixencia do programa, é dicir, ata o 31 de decembro de 2022.

O bono turístico consistirá nun cartón prepagamento para a súa utilización nos establecementos e polas empresas adheridas ao programa e que se atopan publicadas na web da Axencia de Turismo de Galicia.

Nesta edición, a Xunta asumirá o 40% do custo dos servizos consumidos e os particulares o 60% restante, segundo o importe escollido. Do mesmo xeito que o ano pasado, haberá tres tipos de bonos: un de 250 euros, 100 abonados pola Xunta e 150 polos beneficiarios; outro de 375 euros, 150 polo Goberno galego e 225 polos particulares e o terceiro de 500 euros, 200 euros pola Xunta e 300 polos usuarios.

A anterior edición do bono foi, segundo a Xunta, "unha medida pioneira que permitiu inxectar 7,6 millóns de euros ao sector, sobre todo nos meses de menor actividade e concentrándose o consumo no último trimestre do ano".

PERSOAS BENEFICIARIAS

Poderán ser beneficiarias deste Bono Turístico as persoas físicas maiores de idade, que estean empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia. Cada persoa física unicamente poderá solicitar e ser adxudicataria dun Bono Turístico e non poderán solicitar nin ser beneficiarias desta nova edición do Bono turístico as persoas que xa resultaran beneficiarias o ano pasado.

As persoas interesadas que desexen optar ao Bono Turístico deberán presentar a súa solicitude, obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da mesma.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, presenta o bono turístico '#QuedamosenGalicia', xunto a outras autoridades, nun hotel de Oleiros (A Coruña). MONCHO FONTES
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, presenta o bono turístico '#QuedamosenGalicia', xunto a outras autoridades, nun hotel de Oleiros (A Coruña). MONCHO FONTES | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta