2.300 sinaturas no Parlamento contra o parque eólico de Vilartoxo, en Val do Dubra

Asociacións e veciños reclaman a inmediata paralización do proxecto que tería "consecuencias terríbeis para a veciñanza".

Por Galicia Confidencial | Val do Dubra | 21/03/2022 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

A proximidade ás casas, o perigo para o patrimonio natural e histórico, a perda de valor das propiedades e os enormes prexuízos para a  calidade de vida da veciñanza son algunhas das razóns que a Asociación de veciños Vento Libre de San Román en Val do Dubra alega para mostrar a súa oposición ao parque eólico de Vilartoxo. Este xoves entregaron no Parlamento Galego un total de 2.322 sinaturas que demostran a oposición veciñal ao proxecto e que se dirixirán tamén ao concello e á  Xunta para que teñan constancia do rexeitamento do parque e para esixir a paralización do proxecto.

"Decidimos recoller sinaturas porque tiñamos certeza de que o apoio ía ser maioritario e así o demostran as 2.322 persoas que secundan as razóns para opoñernos á construción dun parque eólico que traería serios prexuízos tanto para a veciñanza como para o patrimonio", sinalan desde a Asociación de veciños Vento Libre de San Román, en Val do Dubra, que están a desenvolver unha activa campaña para a paralización do proxecto.  Ademais de entregar as sinaturas no Parlamento Galego diríxenas tamén ao propio concello e á Xunta para trasladarlles a oposición ao parque e o malestar da veciñanza para o que consideran unha ameaza para a zona.

Entre outros argumentos que a campaña pon sobre a mesa é a pouca distancia das casas ao lugar que se prevé a instalación dos muíños, o que, segundo denuncian, redundará no malestar para os habitantes do territorio cun ruído que afectará as súas vidas e mesmo co perigo para as vinte fontes que dan de beber  a unha parroquia que non conta con abastecemento municipal. Ademais, non teñen dúbida de que os prexuízos para veciñas e veciños serán aínda maiores xa que padecerán a perda de valor das súas propiedades e a destrución de terras e do medio ambiente, contribuíndo tamén, de cara ao futuro, a incrementar o despoboamento do concello.

 PATRIMONIO

Ademais dos efectos directos que afectarán á veciñanza da parroquia de San Román, a Asociación Vento Libre mostra a súa preocupación polo futuro do patrimonio histórico do territorio afectado polo parque no que se encontran elementos de grande valor para formar parte do proxecto Compostela Rupestre. Segundo denuncian, o parque eólico de Vilartoxo pon en perigo seis mámoas e o petróglifo do Gavís, recentemente descuberto, no que é a primeira estación de arte Atlántica do concello de Val do Dubra.

Coas sinaturas pretenden poñer sobre a mesa a oposición veciñal e as razóns para rexeitar o parque na comisión parlamentaria na que se debaterá a súa paralización ademais de facer chegar á Xunta e ao propio concello o malestar e a preocupación pola ameaza que supón a instalación dos muíños nunha zona de especial riqueza patrimonial e natural.

O de Vilartoxo forma parte dun conxunto de seis parques eólicos proxectados polas empresas Green Capital Power e Green Capital Development, filiais da empresa Capital Energy, nas comarcas de Santiago, A Barcala e o Xallas. Os proxectos de Troitomil, Barrosino, Portochán, Castiñeiras, Silvariño, xunto co de Vilartoxo, afectan fundamentalmente aos concellos do Val do Dubra, A Baña, Santa Comba e Negreira.

Un cabalo observa os aeroxeradores do Parque eólico de Tronceda, na Serra do Xistral, na comarca de Terra Cha, a 22 de febreiro de 2022, en Mondoñedo
Un cabalo observa os aeroxeradores do Parque eólico de Tronceda, na Serra do Xistral, na comarca de Terra Cha, a 22 de febreiro de 2022, en Mondoñedo | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta