Prisión provisional sen fianza para o detido por matar unha muller en Barro co seu coche

Achegados da vítima profiren berros e insultos contra o acusado, que será investigado por homicidio ou asasinato.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/03/2022 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

O Xulgado de Instrución número 1 de Caldas de Reis, en funcións de garda, decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza para o home detido por matar unha muller en Barro co seu coche o pasado xoves. A muller, de 29 anos, faleceu un día despois. Así o confirmaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). En canto á tipificación do delito, é investigado por homicidio ou asasinato, pendente de concretar ao longo da instrución.

Pasa a disposición xudicial o detido por matar unha muller en Barro chocando co seu coche.
Pasa a disposición xudicial o detido por matar unha muller en Barro chocando co seu coche. | Fonte: Europa Press.

O home, que pasou a disposición xudicial este luns, foi recibido no xulgado por achegados da vítima que lle proferiron berros e insultos. Á saída, que se produciu nun furgón policial e custodiados por varios axentes, chegaron a golpear o vehículo esixindo ver ao acusado, entre proclamas de que "hai que pedir xustiza por Jéssica".

O pasado xoves rexistrouse o suceso, que inicialmente se considerou un accidente e consistiu nunha colisión frontolateral entre dous vehículos, do que se fixo cargo das pescudas o equipo de Atestados da Garda Civil.

A medida que avanzou a investigación, detectáronse certas circunstancias que fixeron que o caso pasase á Policía Xudicial. Así, en base a esas pescudas, detívose ao home que chocara contra o vehículo da moza como presunto autor dun delito de homicidio.

As investigacións apuntan a que se tratou dunha colisión provocada polo arrestado. Fontes consultadas por Europa Press explicaron que tanto a moza de 29 anos como o home detido eran veciños de Barro, que non tiveran unha relación e podía tratarse dun suposto caso de acoso.

"UN FEMINICIDIO"

Sobre o detido, Susana Rosillo do movemento feminista de Pontevedra, destacou ás portas do xulgado de Caldas de Reis que a morte da moza de 29 anos tras o accidente en Barro foi "un feminicidio máis ocorrido en Galicia". "As circunstancias son as que non nos gustaría que fosen, pero pódese falar claramente dun feminicidio", asegurou aos medios, para engadir que "ao principio parecía outra cousa".

Aínda que matizou que "non había un vínculo estreito de parella sentimental" entre o detido por causar o accidente e a falecida, a portavoz deste colectivo feminista insistiu en que non se trata dun "homicidio máis, polo vínculo que había e polo que se demostrará co paso do tempo". "Todo apunta a que vai ser un feminicidio, un acto de violencia machista", reiterou.

"O vínculo que había non era de parella, era unha persoa que estaba obsesionada con esta moza", explicou en relación a testemuños que sinalan que o detido "estaba obsesionado con esta moza" falecida.

"Os indicios apuntan a unha obsesión. Estaba a ser acosada desde hai tempo por este individuo e todo apunta a un feminicidio", subliñou, para admitir que "demostrar un acoso é complicado, pero ante a dúbida denuncia, denuncia, denuncia" porque "non se pode mirar para outro lado".

"Son situacións que son difíciles de demostrar", sentenciou, para recalcar que "hai ferramentas" polo que "hai que actuar e denunciar", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta