O BNG impulsa unha manifestación o 3 de abril en Santiago contra a crise dos prezos

Ana Pontón presenta unha campaña de mobilizacións para reclamar solucións.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/03/2022 | Actualizada ás 16:01

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou unha campaña de mobilizacións para reclamar solucións á crise de prezos, que finalizará cunha manifestación o próximo 3 de abril en Santiago de Compostela. Así, chamou a todos os colectivos afectados e ao conxunto da sociedade a saír á rúa co fin de "reclamar con presión social nas rúas que se tomen medidas xa para evitar o colapso dos sectores económicos".

Campaña do BNG.
Campaña do BNG.

Neste sentido, Pontón considerou "impresentable" que "nin Xunta nin Goberno central estean a pór sobre a mesa solucións reais e eficaces a curto e medio prazo, para darlle osíxeno a sectores estratéxicos da economía do país".

"Esta crise está a provocar unha situación de extrema gravidade, con familias cada día máis empobrecidas, un goteo continuo de empresas que están a paralizar a súa actividade e con sectores claves dentro da economía galega, como o agrogandeiro e o pesqueiro, nunha situación de colapso", advertiu Pontón, que manifestou que "urxe actuar para que esta escalada de prezos non siga pondo en risco miles de empregos".

A campaña de mobilizacións desenvolverase baixo o lema 'Os prezos soben; os teus cartos baixan: fagámonos valer!'.

Ás actuacións na rúa, o BNG sumará "presión institucional" no Congreso e no Parlamento galego, con iniciativas para converter "nun monográfico" a sesión plenaria deste martes e mércores, co fin de "pór sobre a mesa alternativas fronte a esta crise económica".

De feito, propuxo unha modificación da orde do día para que compareza con urxencia o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e "deixe claro a este país se ten previstos adoptar algunha medida ou se vai cruzar de brazos".

Ao seu xuízo, resulta "lamentable" que Feijóo estea "única e exclusivamente a botar balóns fóra" e sexa "incapaz de pór enriba da mesa unha soa medida para enfrontar unha crise que, segundo recalcou, está a incidir dunha maneira máis forte en Galicia", respecto do que aludiu ao maior crecemento da inflación de Galicia.

Entre as medidas que vai defender o BNG no pleno desta semana, atópanse a prohibición da venda a perdas no sector primario (lei de cadea alimentaria); a compra pública de pensos para garantir prezos "razoables" e fixación dun prezo máximo para a electricidade neste ámbito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta