Os grupos do Concello de Pontevedra, incapaces de chegar a un acordo sobre a resposta á invasión de Ucraína

A división produciuse na reclamación do Partido Popular dun apoio explícito á estratexia de acción da OTAN.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 21/03/2022 | Actualizada ás 16:59

Comparte esta noticia

O salón de actos da Deputación de Pontevedra volveu acoller este luns un pleno municipal do Concello da capital no que se evidenciou a división entre o goberno local (BNG + PSOE) e a oposición (PP) ao ser incapaces de acordar unha declaración institucional de condena pola invasión rusa en Ucraína.

Unha muller camiña diante duns coches queimados nunha ponte de Irpin, a 7 de marzo de 2022, en Ucraína. O exército de Ucraína resiste polo momento o duro asedio de Rusia
Unha muller camiña diante duns coches queimados nunha ponte de Irpin, a 7 de marzo de 2022, en Ucraína. O exército de Ucraína resiste polo momento o duro asedio de Rusia | Fonte: Diego Herrera - Europa Press.

Nacionalistas e socialistas presentaron unha moción practicamente idéntica á defendida polos populares para condenar a agresión de Rusia a Ucraína. Así expresaron "total solidariedade" de Pontevedra co pobo ucraíno e esixiron o alto ao lume "inmediato" e da retirada das tropas rusas.

Tamén coincidía toda a corporación ao instar a Rusia a retomar a vía diplomática para alcanzar acordos "duradeiros" de paz, e no apoio a todas as accións de axuda humanitaria para atender aos refuxiados.

A división produciuse na reclamación do Partido Popular dun apoio explícito á estratexia de acción da OTAN, mentres que Bloque e Partido Socialista optaron por unha resolución do conflito no marco das Nacións Unidas e a Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE).

Ningún dos grupos municipais cedeu nas súas formulacións, polo que non houbo consenso. Tampouco favoreceu que o edil non adscrito, o exrepresentante de Ciudadanos, Goyo Revenga, se abstivese en ambas as mocións.

No debate plenario, o portavoz do PP, Rafa Domínguez, afirmou que ante este ataque a Ucraína, "hai que escoller bando: ou a Rusia de Putin ou a Unión Europea e a OTAN". Domínguez dirixiu as súas críticas ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ao sinalar que "é tan radical como Ana Pontón" e insistiu en que os concelleiros do PSOE de Pontevedra constitúen unha "cuadrilla de borregos" que "non ten personalidade propia" por someterse "dócilmente" á vontade dos seus socios de goberno. "Son vostedes un BNG encuberto", acusou o portavoz do PP.

O portavoz do grupo municipal socialista, Tino Fernández, valorou como "desafortunadas e profundamente ofensivas" as afirmacións de Domínguez e criticou a "baixeza" que supón "usar o drama persoal do pobo ucraíno" para descualificarlles. "Se alguén quere sacar rédito político deste desastre, que non conte connosco", advertiu.

Pola súa banda, a portavoz dos nacionalistas, a concelleira Carme da Silva, lembrou que o BNG é unha formación política "antibelicista e antimilitarista" e que "non vai tragar cos ditados que Estados Unidos marca sobre Europa".

Ademais, Da Silva sinalou que o PP si apoiou esta moción na Coruña, Lugo ou Santiago, "ata que recibiron instrucións de que non podía haber acordos", polo que concluíu que é o Partido Popular o que "se aparta dos consensos" e o que "quere facer da guerra un mitin".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta