As xestoras de depuradoras avisan de risco ambiental ante a falta de retirada dos lodos debida ao paro do transporte

Avisan que de continuar a situación actual, nesta semana poderían estar en risco os procesos depurativos e o cumprimento da normativa de verteduras incidindo na calidade da auga.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2022 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

A Xunta e as empresas de xestión das depuradoras de augas residuais alertaron este luns do risco ambiental que pode supor a imposibilidade de retirar os lodos das plantas de tratamento polo paro do transporte.

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantivo un encontro de traballo cos representantes das empresas que xestionan as depuradoras a cargo da Xunta para avaliar o impacto que está a ter o paro nas plantas de tratamento.

Na reunión, na que estiveron presentes representantes de Viaqua, Aqualia, Geseco Augas, S.A, Espiña & Delfín e Copasa, trasladaron á Xunta a súa preocupación polas dificultades que están a sufrir para garantir a continuidade do correcto servizo de depuración de augas residuais, ante a imposibilidade de xestionar os residuos, que non poden ser retirados das plantas de tratamento, e polos problemas de subministración dos reactivos químicos necesarios para a correcta depuración das augas residuais.

Os representantes das empresas explotadoras alertaron do risco xeneralizado existente en todas as plantas de tratamento, especialmente naquelas cunha menor capacidade de acumulación de lodos nas instalacións e advertiron que, de continuar a situación actual, nesta semana poderían estar en risco os procesos depurativos, o cumprimento da normativa de verteduras incidindo na calidade da auga. A peor situación daríase, segundo confirmaron fontes da Xunta a Europa Press, nas depuradoras de Vigo, Pontevedra e Santiago.

É esta unha situación que preocupa ao Goberno galego, porque pode comprometer a calidade das augas das rías e ríos galegos, coas afeccións que isto podería supor para actividade esenciais como a pesca, o marisqueo, a acuicultura, pero tamén para a saúde e para o medio ambiente.

URXEN MEDIDAS

Nesta conxuntura, a Xunta urxe á Delegación do Goberno en Galicia que adopte as medidas necesarias para garantir o transporte de lodos e a subministración de reactivos ás plantas depuradoras para evitar un risco ambiental sobre a calidade das augas.

Solicita, concretamente, á Delegación do Goberno que dispoña os medios de escolta oportunos para facilitar o traslado dos lodos das depuradoras en correctas condicións, así como a distribución dos reactivos que permitan garantir a correcta depuración.

A titular de Infraestruturas insistiu na necesidade de que o Goberno de España sente negociar coa plataforma convocante do paro e adopte medidas urxentes e inmediatas que permitan pór freo á situación que sofre o sector do transporte de mercadorías, un sector que xa demostrou ser esencial e estrutural durante a pandemia, para acabar cunha situación de colapso que esta a afectar a todos os sectores e ao conxunto da sociedade.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participa nunha reunión con xestores das depuradoras.. CONCHI PAZ/XUNTA / Europa Press
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participa nunha reunión con xestores das depuradoras.. CONCHI PAZ/XUNTA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 miñoca

En Tratamientos Ecológicos del Noroeste,S.L. (TEN) ubicada no Concello de Touro síguese vertendo lodos de depuradoras.Este asunto é coñecido por AUGAS DE GALICIA.