Abanca, Afundación e AGA-Ucraína enviarán 92 toneladas de axuda humanitaria a Ucraína

A presidenta de AGA-Ucraína, Natalia Afonina, desprazouse a Santiago para apoiar ás persoas voluntarias que realizaron as tarefas de selección, clasificación e carga de material nos camións. Na capital galega estivo acompañada polo director territorial de Abanca en Santiago, Juan Carlos Carneiro, e a coordinadora de Mercadotecnia de Afundación, Rosario Rodríguez.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2022 | Actualizada ás 19:22

Comparte esta noticia

Abanca, Afundación e AGA-Ucraína realizaron este luns un novo envío de axuda humanitaria a Ucraína cun total de 46 toneladas de material solidario, que se suman ás 23 toneladas que partiron da Coruña o pasado 11 de marzo e foron entregadas o día 15 no punto fronteirizo de Przemysl, entre Polonia e Ucraína.

O banco e a súa Obra Social están a organizar neste momento a saída dun cuarto camión con 23 novas toneladas de axuda humanitaria desde León. O transporte realízano dous camións que saíron desde Santiago de Compostela e Ourense con 23 toneladas de axuda cada un.

O material que levan procede das doazóns realizadas pola cidadanía e outras organizacións solidarias na zona de Santiago e comarca e na provincia de Ourense, onde se contou coa colaboración do Concello e a Deputación Provincial. En Santiago, a axuda estaba almacenada na Cidade da Cultura, e en Ourense, nunha nave da Deputación situada no Polígono de San Cibrao cedida polo ente provincial a AGA-Ucraína.

En ambos os casos, o material enviado inclúe roupa de abrigo, produtos de alimentación e hixiene, así como artigos de primeiros auxilios e medicamentos. O destino dos camións será, do mesmo xeito que no primeiro envío, o punto fronteirizo de Przemysl, entre Polonia e Ucraína.

Alí está habilitado un almacén de recollida desde onde se realizará o traslado do material ata as municipalidades de Truskavets e Leópolis, situadas ao oeste de Ucraína. Estas dúas localidades sofren desabastecemento de produtos básicos e atópanse no corredor de saída da poboación que foxe doutras zonas do país cara á fronteira e que necesita asistencia humanitaria.

TAREFAS DE SELECCIÓN

A presidenta de AGA-Ucraína, Natalia Afonina, desprazouse a Santiago para apoiar ás persoas voluntarias que realizaron as tarefas de selección, clasificación e carga de material nos camións. Na capital galega estivo acompañada polo director territorial de Abanca en Santiago, Juan Carlos Carneiro, e a coordinadora de Mercadotecnia de Afundación, Rosario Rodríguez.

En Ourense, acudiron a agradecer o traballo dos voluntarios e voluntarias o director de zona Ourense Centro de Abanca, Enrique Romeu, e a coordinadora xeral de RSC e Institucional de Afundación, Pilar Alves.

Ademais do apoio á asociación AGA-Ucraína, Abanca e Afundación manteñen vixentes outras medidas que impulsaron para contribuír a paliar as necesidades da poboación ucraína e as persoas refuxiadas, como a conta solidaria É80 2080 7208 3385 3000 7122 para recadar fondos para Cruz Vermella e Save the Children, a gratuidade das transferencias que se realicen desde España a Ucraína ou o aproveitamento da infraestrutura creada para o programa Cultura por Alimentos para a recollida de material nos espazos de Afundación.

Recollida de 92 toneladas de axuda humanitaria para enviar a Ucraína.. ABANCA
Recollida de 92 toneladas de axuda humanitaria para enviar a Ucraína.. ABANCA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta