Regresa a MICE cunha programación centrada nos cineastas de Europa do Leste

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, que ten lugar no Museo do Pobo Galego, recupera as capacidades anteriores á covid.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2022 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

O Museo do Pobo Galego acolleu este martes a presentación da 17 edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), que terá lugar alí entre o 28 de marzo e o 2 de abril, cunha programación centrada nos cineastas de Europa do Leste. Nun comunicado, o Museo destacou a recuperación da capacidade completa para as proxeccións desta edición.

No acto participou a directora da MICE, Ana Estévez, xunto á responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, a concelleira de Acción Cultural de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a vicepresidenta do Padroado do Museo, Concha Losada.

A directora da MICE foi a encargada de contar as claves desta 17 edición dedicada ao 'Traballo'. Un 'Traballo' que, segundo asegurou Estévez Lavandeira, "vai alén do laboral, porque se transformou na maneira na que nos relacionamos con el" e que se toca de forma transversal en todas as actividades do festival, así como nas 19 películas que compoñen a 'Sección oficial'.

Ademais, a directora comentou que "a MICE sempre tivo moito interese no cinema da Europa do Leste" e que, entre os contidos desta edición, a sección 'Impropias' recolle este cinema, que "ten un especial interese" pola actualidade da invasión de Ucraína.

No seu comunicado, o Museo do Pobo Galego destacou que a sección está comisariada pola programadora búlgara Mariana Hristova. Por outra banda, a sección 'Trazas' contará co cineasta catalán Ferrán Llagostera, un profesional, segundo Estévez, "moi vinculado a Galicia cos seus filmes e que trae material inédito sobre os traballos dos mariñeiros en Terranova, tamén de triste actualidade".

Así mesmo, a directora da mostra lembrou que, "un ano máis", contarán cunha representación feminina do 50% das máis de 30 películas que se poderán ver nesta edición. Ademais, destacou a colaboración con Galician Filme Forum e o Kings College de Londres, o que "posibilitou a estrea británica" de 'Nego Púrpura', das creadoras Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva.

FESTIVAL CONSOLIDADO

Durante a súa intervención, o responsable de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, asegurou que se trata dun festival "diferente, xa que xunta cinema e etnografía". Ademais, subliñou que se trata dunha iniciativa "consolidada", á que animou a "seguir adiante" e "seguir crecendo".

Pola súa banda, a concelleira de Cultura de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón, destacou a Estévez Lavandeira como "a verdadeira protagonista" do evento. Tamén falou do contexto xeopolítico presente nesta edición, sobre o que asegurou que resulta "moi interesante poñer o foco nos conflitos" que, aínda que poidan parecer afastados, "están a afectar de maneira directa".

Por último, o director da Agadic, Jacobo Sutil, puxo en valor a coordinación das tres institucións á hora de apoiar este tipo de eventos. Ademais, afirmou que o audiovisual galego "está no seu mellor momento, triunfando con títulos en todo o mundo".

A directora da MICE, Ana Estévez, xunto aos responsables das institucións colaboradoras da 17 edición deste festival.. MOSS
A directora da MICE, Ana Estévez, xunto aos responsables das institucións colaboradoras da 17 edición deste festival.. MOSS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta