O orzamento do Concello de Pontevedra sobe a 107,2 millóns tras incorporar os remanentes de 2021

Son 21,3 millóns de euros máis.

Por E.P. | Pontevedra | 22/03/2022 | Actualizada ás 18:19

Comparte esta noticia

O Concello de Pontevedra subiu ata 107,2 millóns de euros o orzamento para este ano despois de incorporar 21,3 millóns de euros de remanentes da liquidación do orzamento do pasado 2021. O concelleiro de Facenda, Raimundo González, explicou que este aumento do orzamento "é unha consecuencia directa da liquidación" e que por parte dos servizos económicos se acaba de tramitar este proceso, o que derivaba do orzamento máis alto da historia do Consistorio.

Cidade de Pontevedra
Cidade de Pontevedra | Fonte: pontevedraviva.com.

Raimundo González sinalou que "durante o ano 2021 o Concello de Pontevedra entrou na senda da recuperación, superando na maioría dos parámetros os niveis anteriores á pandemia".

O edil nacionalista destacou dous datos concretos para exemplificar este avance: os ingresos pasaron de 76,7 millóns no 2020 a 79,9 millóns de euros no 2021 e doutra banda, os gastos pasaron de 70 millóns a 76 millóns de euros. "Isto indica que houbo unha xestión importante e potente, nun exercicio moi positivo", valorou.

Respecto da liquidación do 2021, González indicou que o exercicio se pechou con 27,6 millóns en remanentes de tesouraría, un superávit de algo máis de dous millóns, unha débeda de 7,8 millóns --é dicir, o 10,78 % dos ingresos comúns-- e 44 millóns en fondos líquidos. A isto hai que engadir que o nivel de execución de investimentos foi do 67,7%, matizando que nesta porcentaxe só contempla pagos realizados e non compromisos adquiridos.

Doutra banda, o concelleiro destacou que o informe de Intervención que acompaña a liquidación das contas do 2021 permite comprobar que, aínda estando en suspenso a Lei de Estabilidade Orzamentaria, Pontevedra cumpre os tres parámetros que establece dita norma: estabilidade, ao haber superávit; mantívose dentro do límite da regra de gasto; e a débeda está "moi por baixo" do que podería asumir o Concello.

En conclusión, segundo o concelleiro de Facenda, estes resultados demostran "a boa saúde económica da que goza o Concello e, sobre todo, mostra o seu músculo financeiro".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta