A CIG convoca folga nos centros de chamadas polas condicións económicas "miserentas" dos traballadores

Será o 13 de abril en demanda dun convenio "digno".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2022 | Actualizada ás 11:07

Comparte esta noticia

A CIG convocou folga no sector dos centros de chamadas para o mércores 13 de abril "ante a falta de avances na negociación do convenio colectivo e a postura da patronal", á que reprocha un "recorte" ao persoal "en dereitos que xa teñen consolidados".

A xornada de folga será de 24 horas e afectará a todos os centros de traballo de Galicia que se rexen polo convenio colectivo estatal de centros de chamadas. A CIG reprocha á patronal acudir á última reunión da mesa de negociación, que tivo lugar o martes, "sen ningunha vontade real de negociar e cunhas propostas económicas miserentas que nin sequera garanten a recuperación do poder adquisitivo despues de anos de perdas salariais".

En concreto, critica que a patronal ofreza "un incremento salarial do 0% para 2020, do 0,8% para 2021, do 2,5% para o ano 2022 e do IPC +0.5% para 2023, pero establecendo un tope de subida do 2,5%". Respecto diso, lembra que o pasado ano "o IPC pechou nun 6,7% en Galicia e está previsto que supere o 7% neste exercicio".

Ao que cualifica como unha "irrisoria oferta económica" suma "as pretensións da patronal de profundar na precariedade xa que se nega a asumir a transformación inmediata dos contratos por obra e servizo no sector" ou medidas para facilitar a conciliación ou mellorar a clasificación profesional. Por todo iso, fai un chamamento aos traballadores para sumarse á folga e "loitar por un convenio digno".

Teleoperadora
Teleoperadora | Fonte: actualidadempleo.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta