Temas: VERIN LITERATURA

"Verín de Verín", novo libro de Xosé Carlos Caneiro

O vindeiro 29 de marzo o autor fará unha presentación do mesmo ás 20:00 h. no Auditorio municipal da súa localidade natal.

Por X.M. Fernández | Verín | 24/03/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Baixo o suxestivo título de “Verín de Verín” dáse a coñecer a nova creación literaria de Xosé Carlos Caneiro, unha obra que recolle diferentes relatos de variadas historias cun eixo común, Verín.

Libro de Xosé Carlos Caneiro
Libro de Xosé Carlos Caneiro

O vindeiro 29 de marzo, ás 20:00 horas, o Auditorio municipal de Verín acollerá a  presentación do libro, e xunto a el estarán no acto: Román  Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Gerardo Seoane, alcalde  de Verín, e o cantautor Emilio Rúa. Este último, animo persoal e compañeiro seu nalgún proxecto artístico-cultural, amenizará a xornada con música en directo. Esta presentación estaba programada para o 22 de decembro do pasado 2021 pero daquela non se puidera celebrar por motivos persoais do propio autor.

A OBRA E A EDITORIAL

“Verín de Verín” é o primeiro libro da colección da nova editorial Conmar Editora,co desexo de publicar obras en diferentes formatos que teñen como guía a calidade literaria. A  obra contén textos de Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963), no que o humor e a vila natal  do escritor son o seu fío condutor, cun amplo elenco de personaxes como centro  narrativo. 

O libro toma como fundamento o particular, o pequeno, para intentar convertelo en xeral ou universal. Partir do “Nós” (co noso diferenciado modo de ser e a nosa retranca)  para debuxar situacións de fino humor que poidan chegar a calquera parte do mundo.

Dende Conmar Editora cren que "nunca foi máis necesaria a capacidade de facer rir ás persoas. Saímos ou estamos a saír dun episodio funesto que a maioría de nós pensamos que nunca podería acontecernos. Pasamos pola dor, a tristeza, a ansiedade e o abatemento dos seres humanos. Esta admonición da tristeza notouse, tamén, en  institutos, universidades e centros de ensino en xeral. Aí pretendemos levar a obra de Xosé Carlos Caneiro, coa súa presenza e coa lectura deste libro"

Temas: VERIN LITERATURA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta