A Xunta anuncia que recorrerá a futura lei estatal de vivenda: "É inconstitucional"

O Consello Galego da Competencia considera que a nova lei introduce medidas "claramente ineficientes" para facilitar o acceso da cidadanía a un fogar.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2022 | Actualizada ás 19:17

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, lamentou este mércores que a Lei de Vivenda Estatal que prepara o Goberno está "ensombrecendo un momento crucial" na materia, cunha trintena de axudas e con fondos europeos en marcha, ademais de xerar unha "gran preocupación". Por este motivo, a conselleira anunciou que a Xunta recorrerá ante a xustiza este proxecto lexislativo, que considera "inconstitucional" e que vulnera as competencias autonómicas.

Durante unha resposta no Pleno do Parlamento á deputada popular Begoña Freire, Ángeles Vázquez subliñou que o Goberno galego "leva meses advertindo" de que a lei impulsada polo Goberno central "invade competencias autonómicas exclusivas", ao regular "de maneira unilateral", entre outros aspectos, a vivenda protexida, a xestión do parque residencial de titularidade autonómica ou os períodos de protección que afectarán a todo o parque público.

Por todo iso, xustificou a decisión da Xunta de acudir á vía xudicial para frear un texto elaborado "de costas ás comunidades e ás súas competencias". Do mesmo xeito, lembrou que en xaneiro o Consello Xeral do Poder Xudicial emitiu un informe desfavorable polo mesmo motivo.

Pola súa banda, o Consello Galego da Competencia considerou que a nova lei introduce medidas "claramente ineficientes" para facilitar o acceso da cidadanía a un fogar e que aspectos como a limitación de prezos do aluguer pode ser "contrario" ás leis da competencia, con posibles "efectos perversos".

AUTOVÍA CELANOVA-PORTUGAL

Por outra banda, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, compareceu tamén no pleno, onde destacou a aposta da Xunta pola vertebración do interior de Galicia con actuacións como a mellora da estrada OU-540, nas comarcas de Baixa Limia e Celanova, cun investimento de 10,3 millóns.

En resposta a unha pregunta formulada pola deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta sobre a conexión por autovía entre Celanova e o límite con Portugal, Ethel Vázquez destacou que a actuación da Xunta na OU-540 aumentará a competitividade da contorna, beneficiando a veciñanza de Celanova, Verea, Bande, Lobeira, Muíños, Entrimo e Lobios. Para iso, dotarase á estrada de 13 quilómetros de carrís adicionais de adiantamento, redeseñaranse a intersección e melloraranse as condicións do firme.

A conselleira detallou que esta estrada rexistra unha intensidade de tráfico que vai desde os 2.600 vehículos ao día entre Celanova e Bande aos menos de 700 nos tramos máis próximos á fronteira. Por outra banda, Ethel Vázquez asegurou que a mellora desta estrada "é compatible" co posible desenvolvemento da prolongación da autovía AG-31 ata Portugal, como preguntaban os socialistas, aínda que dixo que esta intervención só sería posible no marco dun acordo internacional entre España e Portugal.

A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, durante en pleno.. XUNTA
A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, durante en pleno.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta