De 1,9 millóns a 38.000 euros: denuncian a "falsidade" das cifras da restauración da mina de Touro

Cobre San Rafael emitiu un comunicado no que cualifican de "inxurias" as acusacións vertidas: "O resto do orzamento prometido corresponde a actuacións que non requiren de licenza municipal", explica.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2022 | Actualizada ás 10:38

Comparte esta noticia

A Plataforma 'Cornado Mina Non' denuncia "falsidade" no investimento de 1,9 millóns de euros que anunciou Cobre San Rafael para a "rehabilitación integral" de augas da mina de Touro. "En realidade", explica a plataforma, "o desembolso é de Explotaciones Gallegas S.L. e a cifra exacta sitúase nos 38.146 euros, o que equivale aos traballos dunha obra de saneamento de carácter menor a nivel municipal, moi lonxe da actuación a gran escala publicitada pola mineira".

Drenaxe áceda da mina de Touro ao seu paso por un regato.
Drenaxe áceda da mina de Touro ao seu paso por un regato. | Fonte: Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON

A plataforma veciñal fai esta denuncia logo de as súas sospeitas fosen "confirmadas" no pleno municipal do Concello de Touro o pasado día 18 de marzo, onde se sinalou que a mercantil Explotaciones Gallegas "só aporta ao Concello 762 euros en concepto de imposto sobre construccións, instalacións e obras", indica a asociación, algo "diametralmente oposto ao anuncio realizado por Cobre San Rafael".

Deste xeito, segundo 'Cornado Mina Non', a noticia de que a empresa asumía un proxecto millonario "como parte do seu compromiso pola contorna e como unha aposta pola sostenibilidade" queda en "puro fume", e, proseguen, "máis tendo en conta que o citado proxecto de restauración integral de augas deixa fóra extensas zonas de canles e marxes fluviais onde se acumulan millóns de toneladas de lodos de arrastre contaminados por metais pesados procedentes da antiga mina de cobre".

RESPOSTA DE COBRE SAN RAFAEL

En resposta, Cobre San Rafael emitiu un comunicado no que cualifican de "inxurias" as acusacións vertidas. "Cobre San Rafael e os seus accionistas fan un gran esforzo por rehabilitar a situación ambiental herdada sen pedir nada a cambio, todo polas Terras da Xente", indica a empresa.

 

"A licencia solicitada ao Concello de Touro é para una obra cun orzamento de 38.146 euros, pero como todos sabemos, a mina non está unicamente en Touro, parte encóntrase no Pino. A maioría das actuación realizaranse na parte do Pino, polo que o concello outorgou dúas licenzas por una contía de 854.920,50 € e outra por un valor de 850.135,04 €. O resto do orzamento ata chegar aos 1,9 millóns prometidos corresponden a actuacións que non requiren de licenza municipal", explica Cobre San Rafael nun comunicado.

 

A Plataforma veciñal, pola súa banda, agradeceu a "aclaración pública" da empresa, pero recorda que "tal como está plantexado o proxecto cubrirá unha mínima porcentaxe da área realmente prexudicada pola antiga explotación de cobre".

ACTUACIÓNS DE TEN S.L. "Á MARXE DA LEGALIDADE"

Doutra banda, a Plataforma veciñal 'Cornado Mina Non' mostrou tamén o seu rexeitamento ás actuacións da empresa Tratamientos Ecológicos del Noroeste S.L., tamén vinculada á mercantil Explotaciones Gallegas. Segundo explican, a raíz do pleno municipal celebrado o 18 de marzo acreditouse que a planta de TEN S.L. se atopa "nunha situación de ilegalidade urbanística". "Constátase", engaden, "que parte das súas instalacións seguen a carecer da preceptiva licenza de operación".

Esta situación de irregularidade levou o Concello a incoar expediente de reposición de legalidade urbanística e a forzar a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático a actuar e adoptar medidas cautelares para que a mercantil deixe de operar á marxe da legalidade.

Nestas circunstancias, TEN, cunhas instalacións que moita veciñanza da comarca de Arzúa cualifica como "o maior váter de Galicia" polos "contínuos cheiros e emisións contaminantes", está a tramitar a renovación e modificación unha autorización ambiental integrada coa que pretende "duplicar na práctica a súa capacidade de recepción de residuos", denuncia 'Cornado Mina Non'. Porén, o decreto que confirma a situación de ilegalidade urbanística operativa é "incompatible coa autorización" por parte do órgano de control ambiental.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta