A CIG pide intervir o sector eléctrico e dos combustibles para garantir prezos xustos

Propón que se fixe un prezo final para consumidores domésticos e profesionais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2022 | Actualizada ás 11:07

Comparte esta noticia

A CIG esixe aos gobernos español e galego a adopción de medidas de intervención pública na economía ante o desmesurado incremento da carestía da vida, debido aos descontrolados prezos da electricidade, dos combustibles, dos alimentos e de moitos bens de consumo básicos.

Nun comunicado remitido aos medios, o sindicato nacionalista considera que estas medidas son imprescindibles para combater unha situación económica e social "extrema", que ten un impacto "brutal" nas clases populares. A CIG sinala que o mercado eléctrico no Estado español é o único da UE no que a última tecnoloxía en entrar no pool é a que marca o prezo, que despois repercute en todos os consumidores e consumidoras.

Por iso, entende que é necesario acometer reformas "profundas, amplas e integrais" no sector para "fixar unha tarifa eléctrica que poida garantir unha vida digna e o desenvolvemento dunha actividade económica, social e industrial que cre postos de traballo e que permita o desenvolvemento dun proxecto de vida".

A central sindical considera que existen mecanismos legais para facelo e propón que se fixe un prezo de referencia para que o prezo final de consumidores domésticos e profesionais, que teñen unha potencia contratada entre os 10 e os 15 kw/hora, oscile entre os 10 e os 60 euros por megawatt hora. Unha medida cunha duración de 24 meses, revisable trimestralmente, ata a estabilización dos prezos dos últimos anos.

Ademais, a central nacionalista reivindica unha tarifa eléctrica galega, modificar o sistema tarifario limpando a factura de todos os cargos, unha rebaixa xeral no prezo da electricidade retirándoa do pool, así como o control e límite do beneficio obtido, entre outras cuestións.

Para garantir o acceso aos combustibles, a CIG apunta, ademais, a necesidade de que o Goberno español fixe un prezo máximo de gasolina e diesel para paliar os altos prezos dos combustibles, cunha duración de seis meses, mentres non se estabilicen os prezos e non se avance nunha solución fiscal xusta.

Chafarices dunha gasolineira. Europa Press - Archivo
Chafarices dunha gasolineira. Europa Press - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta