O sector pesqueiro sae faenar, aínda "a perdas": "As axudas seguen no aire"

O sector volverá reunirse o próximo martes co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas. Mentres tanto, levanta o paro e volve ao mar para asegurar a chegada de "alimento de primeira necesidade". Na hostalaría alertan dunha "caída clara" do consumo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2022 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

O sector pesqueiro camiña, dentro do que cabe, cara á súa normalidade. Trala reunión este mércores co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, a Federación Nacional de Cofrarías de Pescadores (FNCP) confirmou que a frota pesqueira desconvoca o paro e "fará un esforzo saíndo faenar a perdas". "Somos conscientes da necesidade de traer alimento de primeira necesidade", engade. 

O sector pesqueiro. GVA-ARQUIVO
O sector pesqueiro. GVA-ARQUIVO

Nestas últimas xornadas, a maioría das lonxas galegas botaron o peche e unha gran cantidade de frotas cesaron a súa actividade ao 100%. "Un mazazo terrible". Así é como o define o presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e patrón maior de Ribeira, José Antonio Pérez Sieira, que denuncia o "afogo" ao sector que está provocando esta situación. "Non é só o aumento de prezos dos combustibles, que supón o 30 ou 40% por cento dos nosos gastos, senón que dende hai meses xa levabamos traballando mal, pescando moi pouco", explica ao teléfono. A isto súmase, ademais, un paro no transporte que está trastornando desde o seu inicio a actividade de sectores básicos da economía galega, como o pesqueiro ou o agrícola e gandeiro.

O sector, di Pérez Sieira, precisa de medidas urxentes que, despois da reunión deste martes co Ministerio, "quedaron no aire". "Estamos á espera de que se implementen e ver se compensan ou non", di o presidente da Federación. Da reunión deste mércores, Pérez Sieira recoñece que "non sacaron nada en concreto": "Falouse dun paquete de medidas que se tiña que fornecer, pero claro, hai que esperar aínda uns días ata que se aproben", o próximo 29 de marzo.

MEDIDAS 

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, avanzou a intención do Goberno de articular unha serie de medidas para axudar o sector pesqueiro polo incremento de prezos do gasóleo que estarán incluídas no 'Plan de resposta ás consecuencias da guerra en Ucraína'. "O Goberno incluirá un apoio para limitar o alcance dos incrementos de prezos en relación do gasóleo sobre as contas de explotación", asegurou Planas, que, con todo, non puido especificar a forma concreta na que se van articular estas axudas, xa sexa fiscal ou de apoio, xa que é algo que "está aínda por determinar" e o Goberno terá que definir.

O titular do ramo recoñeceu que "existe un risco para a rendibilidade dos buques pesqueiros" e recalcou que está "xustificado que o Goberno e a UE habiliten as medidas necesarias para retornar á rendibilidade do sector". O ministro recoñeceu, á súa vez, que coa crise actual "hai moitos buques que están amarrados por falta de rendibilidade". Ademais, na reunión abordáronse temas como a exoneración temporal das cotizacións á Seguridade Social, rebaixas das tarifas e taxas portuarias dos portos, así como a vontade do Goberno de ampliar unha liña ICO-Saeca para dar financiamento e créditos ao sector, ademais dalgunha "medida social" máis que están a estudar.

BAIXADA DO CONSUMO NA HOSTALARÍA

Esta falta de capturas á que levou o paro da frota e do transporte ameazou nestas últimas xornadas a normalidade do resto da cadea e desestabilizou a actividade dalgunhas peixerías. No sector da hostalaría, o presidente da Federación Galega de Hostalaría, Cheché Real, alertaba este luns de que se producirían "dificultades" se a situación non tomaba outro camiño. Dende a Asociación empresarial da restauración, aloxamento e turismo de Compostela e comarcas, Lois Lópes asegura, pola súa banda, que non chegou a producirse desabastecemento: "non hai ningunha cuestión destacable que nos impida seguir coa actividade normal", máis alá dalgún "problema puntual" con algún peixe fresco. 

Lópes pon o foco, iso si, na suba do prezo das materias primas. "O aumento do custo das enerxías, que en determinados casos chegou a triplicar, aumenta os gastos xerais, e iso, inevitablemente, hai que repercutilo no produto final", explica o tamén xerente no restaurante A Nave de Vidán, que indica que ante a "perda de poder adquisitivo" que sofren as familias, "xa se nota unha caída clara do consumo". "Non se vende como se debería vender", engade. 

Ante esta situación, Lópes pide "revisar e regular o prezo da enerxía" como punto do que parte "toda a problemática". "Aínda que xa había certa alza de prezos dos produtos básicos desde o último terzo do ano pasado, como na fariña, o chocolate ou o azucre, estes últimos días disparouse", explica. "E se soben os prezos das materias primas, deben subir os dos produtos finais", co seu consecuente efecto sobre o consumo.

PARO PATRONAL

A hostalaría galega ten sobre a mesa a proposta de levar a cabo, o vindeiro luns, un peche patronal en apoio ás reivindicacións do sector do transporte, así como para reclamar medidas que palien as consecuencias nos seus negocios da alza de prezos de subministracións e da enerxía. No caso da Federación de Hostalaría da Coruña, os seus representantes xa decidiron este martes que apoiarán o peche patronal, unha proposta que xurdiu desta entidade e que trasladaron tamén ás federacións provinciais de Lugo, Pontevedra e Ourense, así como a asociacións de Vigo, Santiago e Ferrol, coa idea de que estes días decidan se se suman á medida.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta