A Cidade da Cultura celebra o décimo aniversario do Museo Gaiás cun programa de visitas a espazos ocultos

En concreto, o percorrido levará aos participantes a zonas restrinxidas e permitirá profundar na "complexa arquitectura deste edificio de Peter Eisenman", así como comprender o seu funcionamento.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2022 | Actualizada ás 18:50

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia conmemora este ano os 10 primeiros anos do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura lanzando un programa especial de visitas comentadas a espazos ocultos do edificio.

En concreto, o percorrido levará aos participantes a zonas restrinxidas e permitirá profundar na "complexa arquitectura deste edificio de Peter Eisenman", así como comprender o seu funcionamento.

Esta actividade, que esixe medidas especiais de seguridade para desenvolverse e conta co patrocinio de Viaqua, organizarase en grupos dun máximo de 10 persoas e terá lugar só durante tres semanas deste ano: en Semana Santa (do 9 ao 17 de abril, coa excepción do luns 11), coincidindo cos festexos do Día dos Museos (do 18 ao 22 de maio) e na semana do 10º aniversario da apertura do Museo Centro Gaiás (do 14 ao 19 de xuño).

As persoas participantes, entre outras zonas, percorrerán a estrutura que sostén este edificio de 43 metros de altura e unha superficie de 16.000 metros cadrados. Visitarán os baixo cubertas e a galería subterránea pola que acceden as obras de arte que chegan ao Museo. Achegaranse tamén a solucións técnicas singulares, propias de infraestruturas desta envergadura, como un montacargas con capacidade para 146 persoas ou para elevar un máximo de 11 toneladas (equivalente ao peso de tres coches).

Baixo a pel do Museo, os asistentes descubrirán aspectos curiosos, como as ilusións ópticas dalgúns elementos arquitectónicos, os segredos que esconden no seu interior os alicerces, a espectacular fachada de cristal onde cada peza é diferente, ou a torsión do edificio que permite protexer as obras do impacto directo da luz solar.

Este programa de visitas especiais ao Museo complétase co regreso dos percorridos do 'Gaiás secreto', unha actividade que arrincou en 2019 co obxectivo de achegar á cidadanía non só unha panorámica arquitectónica do recinto, senón tamén do seu funcionamento e espazos escondidos. Neste ano, estas visitas guiadas volven nos fins de semana da primavera e levarán ás persoas visitantes a espazos como a galería subterránea, a sala de caldeiras ou o bajotecho da Biblioteca de Galicia.

Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. CIDADE DA CULTURA
Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. CIDADE DA CULTURA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta