A Deputación apoiará e divulgará os estudos universitarios de Turismo no campus de Ourense

Manuel Baltar e Manuel Reigosa asinaron este xoves un convenio.

Por E.P. | OURENSE | 24/03/2022 | Actualizada ás 18:43

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asinaron este xoves un convenio de colaboración entre a institución provincial e a UVigo para promocionar e difundir a formación no grao de Turismo que se imparte no campus ourensán.

Esta nova liña de colaboración súmase á que manteñen ambas as institucións desde hai anos para o financiamento de actividades no Campus de Ourense, explicou o presidente da Deputación, pero agora centrados "en potenciar o turismo tamén desde os estudos, desde o talento e desde este campus".

Este será un complemento, afirmou, para as accións que xa está a desenvolver a institución provincial, "por exemplo o plan de destino turístico intelixente, unha das únicas catro provincias no territorio nacional que executa este programa".

En nome da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa declarou estar "moi satisfeito e agradecido con este convenio", participando da mesma idea expresada por Manuel Baltar de que "o turismo é importante para a comunidade autónoma, pero moi especialmente para a provincia de Ourense e os seus numerosos atractivos, sendo ademais sabedores do potencial que teñen os estudos de Turismo no campus de Ourense".

Con este acordo, dixo, darase "a coñecer mellor un título de impresionante calidade e con moitas fortalezas para o alumnado, facilitando que se acheguen a estes estudos cunha axuda económica que será moi benvida e que fará que a titulación teña éxito en anos posteriores".

CONVENIO

O primeiro obxectivo do convenio é regular a colaboración entre Deputación e Uvigo na promoción e fomento das actuacións relativas aos estudos universitarios no Campus de Ourense, con especial referencia aos estudos de grao de Turismo. Este novo acordo, de 80.000 euros, sumar ao vixente de 220.000 euros e abarca, neste caso, a dotación de bolsas de estudo no grao de Turismo e unha campaña de publicidade para atraer alumnado ao Campus de Ourense.

Firma do convenio entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense.. ALBERTE PAZ
Firma do convenio entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense.. ALBERTE PAZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta