Así envellece Galicia: a idade media sobe ata os 47,74 anos e só un 15,7% ten menos de 20 anos

O peso relativo de Galicia no total de España tamén baixou, pasando de supor o 5,94% da poboación española ao 5,69%.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 25/03/2022 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

A idade media dos galegos a 1 de xaneiro de 2021 era de 47,74 anos, o que supón unha lixeira subida respecto dos 47,48 anos de 2020, segundo datos dos indicadores demográficos publicados este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE), recollidos por Europa Press.

Así, só un 15,7% dos galegos ten menos de 20 anos, mentres que un 58,5% do total está na franxa de idade de entre 20 e 64 anos e máis dun 25,7% ten 65 anos ou máis. Por provincias, Lugo e Ourense son as máis envellecidas, xa que a súa poboación ten unha idade media de 50,14 e 50,97 anos, respectivamente, mentres que na Coruña a media está nos 47,46 anos e en Pontevedra en 46,20 anos.

O IGE explica que desde o 1975 produciuse un "continuo incremento" do proceso de envellecemento da poboación galega. Na actualidade, por cada 100 menores de 20 anos contabilízanse 163 persoas de máis de 64 anos. Entre outras cifras, a poboación galega diminuíu en 2020 un 0,21%, polo que o peso relativo de Galicia no total de España tamén baixou, pasando de supor o 5,94% da poboación española ao 5,69%.

En canto á taxa de natalidade, en 2020 naceron 5,65 bebés por cada mil habitantes. A idade media das nais foi de 32,84 anos e dos pais de 35,48 anos. Respecto ao primeiro fillo, a idade media da nai galega é de 31,89 anos, un ano máis en comparación con datos de 2010 e 0,4 puntos menos que a media de España.

Pola súa banda, a taxa bruta de mortalidade foi de 12,17 persoas por cada mil habitantes en 2020 e a taxa bruta de nupcialidade quedou nas 2,08 vodas por mil habitantes, cunha idade media do primeiro matrimonio de 36,88 anos para os homes e de 34,70 anos para as mulleres. Entre outros datos, a taxa bruta de divorcios foi de 1,41 por cada mil galegos, cunha idade media de 48,83 anos para os homes e de 45,03 anos para as mulleres.

Dúas persoas maiores e xubiladas tentan disfrutar da súa vellez
Dúas persoas maiores e xubiladas tentan disfrutar da súa vellez | Fonte: canarias7

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta