A Xunta ve a lei de cadea "papel mollado" ao non impedir vender o leite por baixo de custo

O Parlamento insta á Xunta a continuar con plans para incorporar a mozos ao sector agrogandeiro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2022 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

A Xunta cualificou de "papel mollado" a lei de cadea alimentaria aprobada polo Goberno estatal porque, segundo o Executivo autonómico, non cumpre cun dos principais obxectivos marcados: impedir a venda de leite por baixo do custo de produción. Así o subliñou o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, durante a súa intervención ante a Comisión 7ª do Parlamento galego, celebrada este venres, para responder a unha pregunta do Grupo Socialista sobre o sector lácteo.

Tras ser interpelado polo deputado socialista Martín Seco, que acusou a Administración autonómica de "provocar" que o sector lácteo galego "entre en coma"; Balseiros puxo o foco na lei de cadea alimentaria para censurar que, polo momento, "é papel mollado". Segundo o responsable de gandaría no Executivo autonómico, a normativa reflicte explicitamente que o seu "obxectivo" é impedir a venda por baixo de custo, algo que, di, non se está cumprindo.

Por tanto, incidiu na demanda de "varias comunidades autónomas e organizacións agrarias" que reclaman a articulación dun mecanismo para fixar os índices de prezos de referencia por estratos de explotación. Para isto, reiterou a proposta de empregar a aplicación informática 'Conta láctea', desenvolvida en Galicia e que é agora "apadriñada" por outros gobernos autonómicos.

Neste sentido, lamentou que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación "non atendese" a solicitude de empregar esta ferramenta para fixar os prezos de referencia.

INICIATIVAS DEBATIDAS

Doutra banda, na comisión de agricultura deste venres saíu adiante unha iniciativa que insta a Xunta a "continuar fomentando plans" para favorecer a incorporación da xente nova a "actividades agrogandeiras". "Os plans de incorporación significan un reforzo económico e tamén unha ferramenta fundamental na formación do gandeiro, en ámbitos como a alimentación dos animais, o cultivo, o abonado, a mellora xenética ou a xestión da explotación", sinalou deputado do PP Daniel Veiga.

Esta proposición non de lei saíu adiante cos votos do grupo maioritario e do PSdeG, mentres que o BNG se abstivo. Foi a única aprobada na sesión, onde a maioría do PP tombou dúas iniciativas da oposición: unha do BNG sobre o apoio a explotacións pequenas e medianas do sector agropecuario e outra dos socialista que pedía a creación dun rexistro de tasadores cubicadores para o sector forestal.

Un gandeiro verte o leite despois de que a industria láctea teña que parar a súa actividade a partir de hoxe, a 17 de marzo de 2022, en Vilela, Outeiro de Rei, Lugo, Galicia (España). A industria láctea para a súa actividade ao non poder contar con insumos nec. Carlos Castro - Europa Press
Un gandeiro verte o leite despois de que a industria láctea teña que parar a súa actividade a partir de hoxe, a 17 de marzo de 2022, en Vilela, Outeiro de Rei, Lugo, Galicia (España). A industria láctea para a súa actividade ao non poder contar con insumos nec. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta