Galicia consegue cinco medallas nas olimpíadas de Formación Profesional

Foi a terceira en número de galardóns de Ouro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2022 | Actualizada ás 18:01

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asistiu este sábado ao acto de entrega de medallas das olimpíadas estatais de Formación Profesional, Spain Skills 2022, celebradas no recinto feiral Ifema de Madrid, onde Galicia conseguiu cinco medallas (tres ouros, unha prata e un bronce).

"A excelencia da FP galega traduciuse na consecución de cinco medallas neste concurso, o que nos enche de satisfacción e nos anima a continuar fortalecendo estes ensinos a través da Estratexia FP Galicia 2030", destacou o conselleiro. Román Rodríguez felicitou tamén o profesorado e fixo fincapé en que os docentes "son o alicerce fundamental do noso sistema educativo e da altísima cualificación dos titulados dos ciclos formativos en Galicia".

"Sen o voso compromiso e implicación non sería posible este éxito que hoxe celebramos para o conxunto do ensino galego", insistiu. Galicia foi a terceira en número de medallas de ouro, empatada con Euskadi e Castela e León, e só por detrás de Cataluña e Andalucía. En número total de medallas, Galicia finalizou quinta, empatada con outro catro comunidades.

Das cinco medallas, tres foron de ouro e conseguíronas Mateo Rubal Fanego, do IES María Sarmiento de Viveiro, na categoría de Soldadura; María Emilia Piedra Iglesias, do CIFP Paseo das Pontes da Coruña, en Cociña; e Sergio Martínez Calvar, do CIFP Manuel Antonio de Vigo, na categoría de Recepción Hoteleira.

As dúas medallas restantes son unha prata, de Azucena Santos Estévez, do CIFP Imaxe e Son da Coruña, en Deseño de xogos e animacións 3D; e un bronce, de Bruno Landrove Gómez, do CIFP Fraga do Eume de Pontedeume, en Servizo de Restaurante e Bar.

Delegación galega nas olimpíadas profesionais de Formación Profesional 2022. XUNTA DE GALICIA
Delegación galega nas olimpíadas profesionais de Formación Profesional 2022. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta