Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2022 | Actualizada ás 18:00
Os sindicatos CCOO e UGT no Concello de Ferrol denuncian a organización da Policía Local por parte do Xefe do Corpo, que, explican, "escapa das normas establecidas e ao marxe da negociación colectiva e a orde establecida para o persoal do Concello". Segundo indican os sindicatos, o Xefe do corpo da Policía Local está a aplicar "criterios en contra da legalidade vixente e mesmo contrarios aos acordos internos", aplicados dende hai anos, o que, segundo indican, "repercute na xestión do persoal, concesión de días libres e demais dereitos".
A reorganización recentemente levada a cabo polo Xefe "de maneira unilateral", vén de causar "graves perxuízos económicos para algúns traballadores", polo que os sindicatos trasladan que o persoal está "profundamente anoxado" ao ver afectadas as súas condicións laborais.
Se ben o concelleiro Germán Castrillón, explica CCOO e UGT, foi informado destes procedementos xa hai tempo, "a súa resposta pasou por non facer nada e mirar para outro lado", polo que o problema "persiste e agrávase". "Consideramos que este Concelleiro, ao avalar cos seus silencios as practicas do Xefe de Policía, non apoia os dereitos básicos do conxunto dos traballadores e tan só se preocupa do órgano de Xefatura", indican nun comunicado.
Os sindicatos "confían", iso si, na xestión do alcalde, Ángel Mato, como máximo responsable da Policía Local, "para reconducir a situación e non seguir a tendencia actual". De non ser así, UGT e CCOO aseguran que continuarán coa denuncia das situacións que se veñan observando e se iniciarán a "acción sindical precisa para que a negociación e o dialogo volva a presidir as relacións laborais no Concello de Ferrol".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.