Condenado a dous anos e medio de cárcere por pegar e castigar con duchas frías á súa filla

A Audiencia da Coruña con sede en Santiago considera probado que "o estilo educativo do acusado coa súa filla era rigoroso e autoritario".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2022 | Actualizada ás 16:53

Comparte esta noticia

A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña con sede en Santiago condenou a un home a dous anos e medio de cárcere por catro delitos de malos tratos de obra no ámbito doméstico por castigar a súa filla menor de idade con duchas frías e pegarlle co cinto. Así consta na sentenza, recollida por Europa Press, ditada en decembro de 2021, que ratifica o fallo de setembro do ano pasado do Xulgado do Penal número 2 de Santiago de Compostela.

En concreto, o acusado foi condenado como responsable en concepto de autor de catro delitos de malos tratos de obra no ámbito doméstico ás penas, por cada un deles, de sete meses e 15 días de prisión coa accesoria de inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo durante o tempo da condena, así como privación do dereito á tenencia e porte de armas por tempo de dous anos.

Ademais, o tribunal prohibiulle aproximarse a menos de 200 metros á súa filla menor, ao seu domicilio, lugar de estudos ou traballo ou calquera espazo en que se atope e a comunicarse con ela por calquera medio por tempo dun ano, sete meses e 15 días, así como ao pago de 4/5 das costas procesuais.

Mentres, o acusado foi absolto do delito de malos tratos habituais que se lle imputaba, con declaración de oficio de 1/5 das costas. E en calidade de responsabilidade civil o acusado indemnizará á súa filla na cantidade de 2.000 euros.

FEITOS PROBADOS

No relatado de feitos probados, o fallo da Audiencia Provincial recolle que "se aceptan os da sentenza recorrida". Así, considérase que o procesado, maior de idade e sen antecedentes penais, ostentou a garda e custodia exclusiva da súa filla nada en 2004 desde que sobre o ano 2006 se trasladou con ela a vivir a España mentres que a súa nai permaneceu en Ecuador.

Por razóns laborais do acusado viviron en diferentes cidades da xeografía española e desde aproximadamente o ano 2010 residiron coa nova esposa do pai a cuxo coidado, ou da nai desta, adoitaba quedar a menor nas frecuentes ausencias do proxenitor por motivos laborais.

"O estilo educativo do acusado coa súa filla era rigoroso e autoritario chegando en ocasións, especialmente cando se producía un consumo abusivo de alcol por parte do acusado, a ser agresivo tanto con ela como coa súa segunda esposa, o que, xunto a outros factores, provocaba na menor un sentimento de falta de afecto e de baixa autoestima con tendencia ao auto desprezo e auto castigo que repercutiu na súa saúde mental, chegando a desenvolver un trastorno depresivo de significativa entidade clínica", esgrime o fallo.

CASTIGOS

Un dos castigos que o acusado aplicaba á súa filla en determinadas ocasións "en que consideraba que fixera algo mal", engádese na sentenza, "era obrigala a meterse na ducha con auga fría e golpearlle nas pernas e nádegas coa correa do cinto". Así o fixo en, polo menos, dúas ocasións cando vivían en Madrid e a menor contaba con 10 ou 11 anos.

Noutra ocasión, a menor atrasouse sete minutos da hora que o acusado lle fixou para regresar a casa tras saír cos seus amigos, e ao chegar o seu pai díxolle que "ía recibir sete correazos polos sete minutos de atraso e comezou a golpeala nas pernas co cinto", sinálase no fallo. E en 2017 o acusado "volveu golpear á menor co cinto nunha ocasión polas malas notas que levara", puntualiza.

O recorrente apelou a sentenza ditada polo Xulgado do Penal número 2 de Santiago alegando que "non se practicou proba de cargo suficiente para desvirtuar a presunción de inocencia e que se lle condena por feitos que adoecen de falta de precisión". Así mesmo, sostivo que a condena "se fundamenta en testemuños inconcretos como a declaración da vítima e que non foron correctamente valorados".

Audiencia Provincial da Coruña.
Audiencia Provincial da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta