O Concello de Pontevedra reclama á Xunta un estudo sobre os efectos para a saúde do parque eólico dos Cotos

Informes municipais alertan do impacto paisaxístico que podería ter o proxecto no monte da Fracha e o "risco evidente" para algunhas especies protexidas.

Por E.P. | Pontevedra | 28/03/2022 | Actualizada ás 19:14

Comparte esta noticia

O Concello de Pontevedra reclama á Xunta de Galicia un estudo sobre os efectos para a saúde que podería ter o proxecto do parque eólico dos Cotos, así como máis información sobre a contaminación electromagnética de baixa frecuencia. Os informes municipais alertan do impacto paisaxístico que podería ter o proxecto no monte da Fracha e o "risco evidente" para algunhas especies protexidas.

Aeroxeradores, muíños de vento, enerxía eólica
Aeroxeradores, muíños de vento, enerxía eólica | Fonte: EUROPA PRESS.

A portavoz do Goberno Local, Anabel Gulías, compareceu este luns para informar os asuntos tratados na Xunta de Goberno Local celebrada á primeira hora e na que un dos asuntos abordados foron os informes municipais respecto deste proxecto de parque eólico.

Anabel Gulías referiuse ás "diversas protestas que hai en todo o país contra a política enerxética da Xunta", que, segundo dixo, "parece ir encamiñada a desenvolver unha política de instalación de parques eólicos sen ter en conta nin os mínimos requisitos que se deben manter para a súa montaxe". O parque eólico dos Cotos afecta os concellos de Pontevedra, Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas.

A portavoz do Goberno Local informou de que o Concello de Pontevedra emitiu tres informes distintos sobre o parque, que recollen a preocupación sobre cuestións que teñen que ver co medio ambiente, sobre o seu impacto na saúde e a proximidade a núcleos veciñais.

Os informes elaborados fan fincapé en cuestións como o impacto que pode ter este proxecto nalgunhas especies protexidas, ou no impacto paisaxístico e aluden a riscos de incendio por mor da liña eléctrica.

O Goberno local tamén considera "realmente relevante" que no proxecto non se estude os efectos da contaminación electromagnética de baixa frecuencia sobre a poboación. "Queremos que se faga un estudo máis exhaustivo e detallado sobre isto", insistiu Anabel Gulías. "Os nosos informes si recollen sentenzas neste ámbito que recoñecen que esta contaminación pode ser potencialmente perigosa para a saúde", engadiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta