Verín festexará un San Lázaro 'como os de antes'

Presentado oficialmente o programa oficial de actividades que se desenvolverán entre o 1 e o 3 de abril. O Concello de Verín recupera a súa tradicional festa patronal ofrecendo un amplo abano de propostas para todos os públicos.

Por X.M. Fernández | Verín | 30/03/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Achégase unha gran fin de semana en Verín para festexar o San Lázaro 2022. Segundo anticipaban o pasado 28 de marzo na presentación do programa, Manuel Lorenzo --concelleiro de Transporte, Feiras e Hostalería--, e Emilia Somoza --concelleira de Educación, Cultura e Festexos--, haberá unha completa Feira de Artesanía e alimentación, actuacións musicais, deportes, actividades de lecer para todas as idades, unha mostra de vehículos novos e de ocasión, menús especiais lázaro e os tradicionais actos relixiosos.

Presentación do San Lázaro 2022. Foto: Prensa Concello de Verín
Presentación do San Lázaro 2022. Foto: Prensa Concello de Verín

"O Concello de Verín recupera o seu concepto de Lázaro Multicartel ofrecendo a veciños e visitantes unha completa fin de semana con máis dunha vintena de actividades,  distribuídas por toda a vila, para todos os segmentos de público e todas as idades",  salientou Manuel Lorenzo.

FEIRA DE ARTESANÍA E ALIMENTACIÓN

Durante os días 2 e 3 de abril --en horario de 10:00 a 14:00h e de 16:00 a 20:00h-- haberá una completa feira de mostras de artesanía e alimentación. A mostra estará ubicada no Pavillón Municipal de Deportes de Verín e contará cunha chea de actividades variadas como obradoiros, cata e maridaxe de viños, sorteos, ambientación musical ou catas de produtos de alimentación.

Olaría, cestería, coiro, traballo en porcelana, cerámica decorativa, xoguetes de madeira, xoiaría de prata, traballos en fieltro, roupa artesá, coitelaría, cerámica, instrumentos musicais, xabóns artesanais, artigos personalizados, embutidos, queixos, doces, mel, patés, viños, crepes, anchoas, pan, licores, aceite, pulpo ou garrapiñadas serán algúns dos sectores e produtos que atoparemos na feira. Ao igual que nas pasadas edicións, a D.O Monterrei estará presente co seu Túnel do Viño.

No Pavillón municipal haberá un completo abano de propostas lúdicas e educativas infantís destinando a organización un espazo de balde para a cativada. Debido o aforo limitado nos actividades ubicadas no pavillón, recoméndase realizar as preinscrición por algún dos seguintes medios: vía mail: inscricions@verin.gal, a través da Oficina desenvolvemento local do Concello de Verín ou durante a feira no stand da organización.

ACTIVIDADES MUSICAIS E CULTURAIS

Segundo explicou a concelleira de Educación, Cultura e Festexos, Emilia Somoza, no que actividades musicais e culturais se refire, manterase a liña de programación das anteriores edicións ofrecendo actuacións pensadas para todas os segmentos de público. "O que buscamos este ano, como se pode ver representado no noso cartel, é “ir abrindo a cremalleira” co o firme obxectivo de recuperar totalmente a actividade cultural e festiva que nos caracterizaba antes da pandemia".

A programación musical arrinca este venres 1 de abril, ás 22:00 horas, coa actuación do grupo Assia na Praza García Barbón.

O sábado 2 de abril, ás 18:00 horas, a praza da Mercé será o escenario do primeiro torneo de Bandas de Música “Vila de Verín” coa participación da Banda de música de Rianxo, Agrupación Musical da Licia, Banda do Conservatorio Profesional de Música de Verín. Por outra banda, a Praza García Barbón acollerá a actuación do grupo América en dous pases. De 21:30 a 22:30h e de 23:30 a 1:30h.

O domingo 3 de abril, ás 18:00 horas, actuará a Agrupación de Música tradicional Galega Candaira na praza da Mercé e, para rematar -a partir das 20:30 horas- o grupo Fama pechará a programación musical do Lázaro na Praza García Barbón. Este mesmo día, ás 12:00 horas, celebrarase a tradicional misa do Lázaro na Igrexa Parroquial de Santa María a Maior. Ao rematar o acto relixioso haberá unha procesión ata San Lázaro.

DEPORTES 

Este ano, no eido dos deportes, celebraranse o sábado 2 de abril os seguintes eventos: as 10:30 horas, o Torneo das Escolas Deportivas de Natación na Piscina Climatizada de Verín coa (participan: Club Natación Verín, Piscina Climatizada de Allariz, Piscina Climatizada de Xinzo, Flavitus Nataçao Clube, Nataçao C. Chaves) e o partido de veteranos de fútbol entre o A.D. Veteranos Verín e o G.D. Chaves, no Complexo Deportivo de A Granxa, ás 17:00 horas. Tamén haberá un paseo en bicicleta pola ecovía do río Támega con saída desde a Alameda, ás 16:30 horas.

O programa completo con todas as actividades ao detalle está na páxina web do Concello de Verín.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta