Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/03/2022 | Actualizada ás 13:11
O Colexio Profesional de Xornalistas, coa colaboración de Gadis, convoca por segundo ano o Premio de Xornalismo "Somos Esenciais", que reivindica o labor das e dos profesionais da comunicación durante a pandemia da Covid-19.
O certame recoñecerá o traballo xornalístico máis salientábel dende o punto de vista informativo e de servizo público, e a el poderán presentarse todos os e as xornalistas e fotoxornalistas que publicaran ou emitiran traballos relacionados coa pandemia en Galicia ao longo do ano 2021.
As candidaturas deben presentarse antes das 14:00 horas do xoves 19 de maio a través do correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal, e deberán estar acompañadas da ficha de inscrición, ademais do traballo en pdf, formato de imaxe ou arquivo de vídeo ou audio, segundo corresponda.
De ser o caso, acompañarase tamén dunha ligazón para localizar o traballo na rede. Establécese un único premio de 1.500 euros, aínda que o xurado poderá facer as mencións especiais aos traballos que considere oportunos.
Na primeira edición do Premio "Somos Esenciais" resultou gañadora a xornalista Isabel Bravo co traballo "Cando as preguntas aínda non tiñan resposta", emitida na Radio Coruña - Cadena SER.
Concedeuse tamén unha mención especial como finalista á reportaxe "La uci del covid, desde dentro: "No somos héroes", publicada por Ángel Pastrana en La Voz de Galicia. Un total de 39 pezas, de todos os formatos xornalísticos e con distintos enfoques, foron presentadas ao premio na edición do ano pasado, destacando o xurado a alta calidade de todos os traballos presentados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.