O BNG súmase á petición de liberdade para o xornalista detido en Polonia Pablo González

Dende hai un mes, González non puido contactar nin coa súa familia nin co seu avogado.

Por E.P. | MADRID | 30/03/2022 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

Representantes de BNG, EH Bildu, Unidas Podemos, ERC, PNV, Junts, CUP e Compromis concentráronse este mércores ante o Congreso dos Deputados para esixir a "inmediata liberación" do xornalista español Pablo González, cando se cumpre un mes desde a súa detención en Polonia.

Os parlamentarios concentráronse ás portas da Cámara Baixa con carteis nos que se podía ver a fotografía do xornalista xunto á frase 'Free Pablo' (Liberade a Pablo) e pediron ao Goberno español unha "denuncia política contundente", máis aló de presionar a Polonia e ofrecer axuda consular.

Segundo precisaron, durante este tempo, Pablo González non puido contactar nin coa súa familia nin co seu avogado e, a pesar de cumprir cos requirimentos da Fiscalía de Polonia, seguen sen poder contactar con el.

"Máis aló da actividade consular, o que ten que facer é denunciar politicamente unha anormalidade en termos democráticos, que nun estado membro da Unión Europea unha persoa estea detida máis dun mes e non puidese contactar nin coa familia nin co seu avogado non ten sentido, e ante iso o Goberno debería elevar unha queixa ante as autoridades polacas", subliñou o deputado de EH Bildu, Jon Iñarritu.

Respecto da ausencia de representantes do PSOE e do PP na concentración deste mércores, Iñarritu lamentou que "parece que queren mirar cara a outro lado, en primeiro lugar, para non incomodar a Polonia, que doutra banda está a se levar todos os recoñecementos pola acollida de millóns de ucraínos" e, en segundo lugar, por un posible "compoñente de sospeita engadido" ao ter o xornalista a nacionalidade rusa.

Varios deputados nas portas do Congreso piden a liberación do xornalista Pablo González
Varios deputados nas portas do Congreso piden a liberación do xornalista Pablo González | Fonte: PODEMOS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta