Sanidade busca introducir o protocolo para casos de submisión química en todas as áreas sanitarias

O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Flores, sinala que "entendemos o Sergas como un único servizo, non queremos facer diferenzas na asistencia dos galego".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2022 | Actualizada ás 17:39

Comparte esta noticia

O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Flores, destacou que a Cosellería de Sanidade traballa na extensión do protocolo para casos de submisión química, posto en marcha en Ourense, a todas as áreas sanitaria de Galicia.

"Entendemos o Sergas como un único servizo, non queremos facer diferenzas na asistencia dos galegos e, no momento no que o protocolo estea finalizado e no que se adapte ás peculiaridades de cada unha das áreas, farase difusión a cada un dos profesionais que forman parte desta armazón, sexan de atención primaria ou hospitalaria", sinalou na Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia.

En resposta a unha pregunta sobre este asunto formulada pola deputada do BNG Noa Presas, o xerente do Sergas sinalou que o protocolo posto en marcha en Ourense xurdiu como "reposta a unha realidade social" que facían chegar tanto o Imelga como as forzas e corpos de seguridade, en concreto, na área de Ourense.

Neste contexto, agradeceu á profesionais da área sanitaria o seu traballo para poder contar con esta guía que serve de "semente" para estendela ao resto do Sergas co obxectivo de coordinar e sistematizar as actuacións que a tiñan lugar, para dar un diagnóstico, tratamento e o seguimento posterior das vítimas.

Así, indicou que o documento de Ourense fixa "unha estrutura funcional para coordinar as actuacións de todos os servizos para mellorar o diagnostico e chegar a un tratamento adecuado e erradicar esta situación".

Na súa intervención, ademais, incidiu nas drogas utilizadas neste tipo de casos teñen unha vida media "curta" en sangue, polo que é necesario "ser moi áxil na extracción das mostras" tendo en conta que, transcorrido o tempo é "difícil chegar a un diagnóstico correcto".

Así mesmo, sinalou que o protocolo facilita a información necesaria para practicar a denuncia e que inclúe a formación de todos os profesionais, tanto do persoal sanitario como non sanitario das urxencias, así como dos profesionais implicados na atención a vítimas deste tipo de violencia.

"É un amplo protocolo que recolle a actuación e participación de todos os axentes e pasos que se deben seguir", sostivo Flores, que considerou "de xustiza" recoñecer o traballo de todos os profesionais implicados nesta iniciativa que permitirá unha actuación "máis garantista".

Pola súa banda, a deputada do Bloque Noa Presas pediu accións de seguimento, desde o Sergas, dos casos de agresión sexual por intoxicación de burundanga ou outras sustancias como a ketamina ou a éxtase líquida, acompañando estas medidas dunha campaña de información nos centros educativos. Ademais, reclamou os medios necesarios nos centros hospitalarios para a análise das sustancias utilizadas nas agresións sexuais.

Submisión química
Submisión química | Fonte: arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta