Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2022 | Actualizada ás 18:50
A Xunta demandou ao Goberno central que dea prioridade ao sector gandeiro de carne, e dentro del especialmente ao vacún, na repartición dos case 194 millóns de euros que están pendentes de asignar e que corresponden ás axudas para "sectores agrarios e gandeiros" do seu plan de choque.
Así o trasladou este xoves o conselleiro do Medio Rural, José González, ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), Luís Planas, durante o Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, no que González participou por videoconferencia. Esta demanda de Galicia, conforme sinalou a Xunta nun comunicado, foi secundada polas demais comunidades da Cornixa Cantábrica (Asturias, Cantabria e País Vasco).
Neste sentido, o conselleiro reclamou que se teñan en conta as características do vacún de carne galego, que está formado por pequenas e medianas explotacións en extensivo, con base territorial e que conta cunha indicación xeográfica protexida (IGP) de referencia a nivel estatal, como é Tenreira Galega.
Nesta mesma liña, o conselleiro demandou, ademais, que o MAPA faga partícipes ás comunidades autónomas do proceso para definir as achegas pendentes de repartir e lembrou as diferentes medidas nas que traballa a Xunta de Galicia para facer fronte a esta situación de crise. Entre elas, González destacou o acordo dentro da cadea de valor, coordinado polo Executivo galego, para frear a venda a perdas neste ámbito produtivo. Trátase, indica a Xunta, de que se faga cumprir a Lei de cadea alimentaria.
O titular de Medio Rural tamén puxo en valor outras iniciativas da Xunta, como o anuncio dunha inxección de liquidez pola vía do financiamento de circulante e do anticipo de axudas, especialmente os 200 millóns de euros da PAC, ou a reclamación ao Banco de España para que autorizase ás entidades financeiras a concesión dunha moratoria dun ano no pago das amortizacións dos préstamos a longo prazo que teñen vivos no sector agroalimentario.
O conselleiro tamén citou o compromiso da Xunta de crear o Observatorio da cadea alimentaria galega, como organismo emisor de informes sobre a situación económica do sector primario; así como de poñer en marcha a Axencia de Información e Control Alimentario de Galicia para dar cumprimento ás obrigacións da Lei de cadea alimentaria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.