A Xunta considera "insuficientes" as medidas do Goberno central para o sector mar-industria

Critica, ademais, que chegan "tarde".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 31/03/2022 | Actualizada ás 20:15

Comparte esta noticia

A Xunta cualificou de "insuficientes" as medidas de apoio aprobadas polo Goberno central para a cadea mar-industria que, ademais, chegan "tarde". Así o manifestou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, tras participar no Consello Consultivo de Política Agraria para Asuntos Comunitarios, onde o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, expuxo as liñas económicas para o sector aprobadas no último Consello de Ministros.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana
A conselleira do Mar, Rosa Quintana | Fonte: MVR.

A conselleira manifesta a súa desconformidade co paquete de medidas, xa que considera que as empresas da cadea mar-industria necesitan accións "máis ambiciosas que fagan rendible a pesca".

Tras lamentar que o Executivo central "tardase máis de dúas semanas en actuar" ante a alza de prezos, Quintana advertiu que a frota afronta unha situación que "compremete a súa actividade" polo incremento de custos en combustible.

Entre as demandas da Administración galega está a concesión de axudas "de mínimos" para as empresas ou a flexibilidade das cotas de pesca de cara a permitir que as capturas que non se consuman este exercicio poidan empregarse no seguinte.

A nivel fiscal, solicita rebaixas de impostos para mellorar a liquidez do sector, á vez que reclama "apoios específicos" para empresas de transformación e comercialización de produtos do mar.

Así as cousas, a titular do ramo acusa o Goberno de "falta de sensibilidade" cara a un sector que, como lembrou, foi declarado esencial durante a pandemia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta