Novas denuncias de "saturación" no CHUS: "acumularon pacientes graves nos corredores"

Usuarios do clínico compostelán contradín a versión das autoridades: "non é un problema puntual".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2022 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

Nova denuncia contra a saturación dos servizos sanitarios na área de Santiago. A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS vén de facer público un caso acontecido o pasado 31 de abril de 2022, xornada na que, segundo destacan, "ata sete pacientes graves chegaron a estar acumulados no corredor da entrada, ocupando unha vez máis un punto de paso que debe estar sempre libre de obstáculos, e recibindo atención nun lugar inadecuado".

Clínico, Chus. EUROPA PRESS - Arquivo
Clínico, Chus. EUROPA PRESS - Arquivo

O problema iría máis alá: "ademais, ata 40 pacientes máis, sobre os que xa se decidiu o ingreso no centro hospitalario, seguen ocupando, dentro de urxencias, o lugar de traballo". Todo isto viría motiva porque, subliñan, "ao non darlle saída aos ingresos de xeito áxil, o espazo e os servizos de Urxencias están sendo ocupados por persoas que deberían estar sendo atendidas por outros servizos do hospital. Unha vez máis, como vén sendo práctica habitual, úsase o servizo de Urxencias como almacén de pacientes pendentes de ingreso, por estaren camas pechadas nas plantas", inciden.

Para a Asociación de Pacientes e Usuarios, a actual circunstancia denunciada "evidencia a falsidade das declaracións das autoridades sanitarias cando na prensa e en instancias públicas afirman que o servizo funciona correctamente e unicamente sofre dificultades puntuais", inciden.

Neste aspecto, consideran que "a observación da realidade constata que as deficiencias denunciadas tanto por determinados profesionais como, de xeito reiterado, por esta asociación, son consecuencias de problemas estruturais para os que non se buscou solución. Isto implica, tamén, que seguiremos no futuro con este problema sufrindo a falta de vontade dos responsables sanitarios de entrar nunha solución válida e definitiva".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta