Pontón pregunta a Feijóo "canto tempo máis vai estar cobrando do galegos pero traballando para o PP"

A líder nacionalista erixe o BNG como o "futuro" de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/04/2022 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cuestionou ao xefe do Executivo galego e novo presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, "canto tempo máis vai estar cobrando do galegos pero traballando para o PP".

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, no pleno do Parlamento
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, no pleno do Parlamento | Fonte: BNG.

Na xornada na que Feijóo foi proclamado como presidente do PP, a líder nacionalista cualificou de "insustentable" a situación política en Galicia ao haber "un goberno en pausa condicionado polas leas internas" do Partido Popular.

Pontón cargou contra Feijóo e o seu executivo, ao que acusa de estar "ausente" durante o último mes "no medio dunha escalada de prezos sen parangón nos últimos 40 anos". "Non podemos dicir se as medidas foron boas ou malas, porque o único que fixeron foi propaganda e fume", espetou.

"O PP representa o pasado e o BNG, a esperanza e o futuro", aseverou, a continuación, a líder nacionalista, que considera "evidente" que existe un "novo ciclo" para Galicia que, di, abriuse nas últimas eleccións autonómicas nas que "os galegos decidiron ter unha alternativa de goberno clara, pondo o BNG como segunda forza".

Con todo, Pontón dá por feito que a dimisión de Feijóo non suporá a convocatoria de eleccións porque, ao seu xuízo, o PP "non quere darlle voz aos galegos porque sabe que perdería e abriríase unha alternativa liderada polo BNG".

Así as cousas, manifestou o seu compromiso a "seguir traballando" desde a formación frontista para dar "o mellor" de si mesmos fronte a un PP que presenta un balance dunha Galicia "máis pequena, con menos xente nova, menos emprego, menos servizos públicos, menos industrial e menos sectores produtivos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta