Estes son os novos Premios Mil Primaveras 2022 da CTNL

Do berce á rúa, CantáMOLA en galego, Twitter en galego e Instagram en galego, Somos xogo, Dicionario galego para boomers e Media laranxa, entre os premiados

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/04/2022 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

A edición de 2021 dos Premios Mil Primaveras do Colectivo de Traballadores de Normalización Lingüística (CTNL) xa ten vencedores. O 30 de marzo reuniuse o xurado da terceira edición e decidiu outorgar os seguintes premios: Do berce á rúa (como proxecto estabilizado), CantáMOLA en galego (como proxecto novo), Twitter en galego e Instagram en galego (pola súa comunicación e impacto), Somos xogo (como programa máis innovador), Dicionario galego para boomers (como proxecto destinado áinfancia e mocidade) e Media laranxa (como proxecto dun ámbito sectorial).

Convocatoria Premios Mil Primaveras á promoción do uso e prestixio do galego
Convocatoria Premios Mil Primaveras á promoción do uso e prestixio do galego | Fonte: remitida

Os premios, convocados pola CTNL, naceron en 2019 coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Desta forma búscase recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos

Recoñeceuse Do berce á rúa, que desenvolve desde 2010 o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón. O xurado salientou que foi un dos primeiros espazos que se creou con recursos para a crianza en galego e serviu de modelo para un programa referente coma o Apego, co cal convive e coopera. 

O xurado escolleu o proxecto do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra CantáMOLA en galego, por ser un proxecto que aborda a necesidade de visibilización da música en galego de todos os estilos e por estar especialmente dirixido á mocidade. 

Este premios recaeu nesta ocasión en dous proxectos relacionados entre si: Twitter en galego e Instagram en galego. O xurado destacou que son proxectos efectivos, con alta repercusión social e nos cales se traballa de forma horizontal. Salientou tamén que son iniciativas que teñen incidencia no corpus, xa que asentan o léxico das novas plataformas en galego, e no status, pois, alén da demanda da versión galega das plataformas, promoven o emprego do galego polas persoas usuarias.

Tamén valorou a capacidade de adaptación ás circunstancias, o seu grande impacto, que supera os 33 000 seguidores en Twitter, os 32 000 en Instagram e os 15 000 en Facebook, e que son referentes para outras iniciativas.

Somos xogo, de Xandobela. Educación e Cultura, mereceu o premio ao proxecto máis innovador. O xurado destacou del que é un proxecto aglutinador, transversal, que achega a tradición á actualidade e que asocia a lingua a algo que valoramos positivamente, o xogo. 

O premio na categoría destinada principalmente á infancia e á mocidade recaeu no proxecto escolar Dicionario galego para boomers, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo. O xurado escolleu como mellor iniciativa sectorial Media laranxa, por ser un proxecto que demostra que o galego pode funcionar en igualdade nos espazos de moda, neste caso a cociña e a gastronomía.

O xurado dos Premios Mil Primaveras de 2021 estivo formado por Soco García Conde, técnica de normalización lingüística do Concello de Santiago de Compostela, Nel Vidal Barral, docente no IES Rego da Trabe, de Culleredo, Inmaculada Seage Freire, técnica de normalización lingüística dos concellos de Rois e Dodro, Fátima Rodríguez Ruibal, docente no IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño, e Iolanda Fernández Casal, xornalista e responsable de comunicación da Real Academia Galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta