A primeira Copa Galega, para o Estrela Vermelha

O equipo compostelán, que xa gañara esta tempada a Liga, repite título tras vencer na grande final a Fillos de Breogán no municipal estradense da Baiuca. As Irmandinhas, campioas en categoría feminina.

Por gcdeportes | A Estrada | 15/06/2014 | Actualizada ás 10:01

Comparte esta noticia

Foi toda unha festa do fútbol gaélico galego a deste sábado na Estrada. Máis de doce horas de partidos, doce equipos e case 140 xogadores. Ao final, cumpríronse os prognósticos: Estrela Vermelha repetiu título e gañou a primeira Copa Galega, despois de terse levado tamén a Liga. En categoría feminina, venceu o equipo anfitrión, as Irmandinhas. Fillos de Breogán tiveron que conformarse con dous subcampionatos.

O plantel do Estrela Vermelha, o sábado na Estrada.
O plantel do Estrela Vermelha, o sábado na Estrada. | Fonte: @Irmandinhos

O equipo compostelán do Estrela Vermelha chegaba como grande favorito tras acabar invicto na primeira Liga Galega de 11 contra 11. E fixo os deberes: na semifinal, tumbou o anfitrión dos Irmandinhos. Pola outra parte do cadro, os Fillos de Breogán eliminaron a Mecos FG. Na grande final, xogada ás nove da noite, Estrela Vermelha venceu a Fillos de Breogán.
Bráithreachas e Ártabros de Oleiros (os dous filiais), e máis Pontevedra FG e Compostela, quedaron eliminados na fase de grupos.

En categoría feminina, as Irmandinhas venceron con claridade na final as Fillas de Breogán.

Todo un éxito a primeira Copa Galega organizada polos Irmandinho da Estrada, incluído o terceiro tempo, con deportividade e moita paixón nas bancadas do municipal da Baiuca. A nota negativa, a lesión dun irmandinho, que rompeu o pé e tivo que ser trasladado en ambulancia ao CHUS para ser operado. Remata así a tempada, e os equipos xa pensan no desquite do vindeiro curso.

Irmandinhas e Fillas de Breogán disputaron a final.
Irmandinhas e Fillas de Breogán disputaron a final. | Fonte: @FillosdeBreogan
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta