Soben do milleiro os novos contaxios de covid e os hospitalizados quedan en 479

Os casos activos baixan a uns 11.600 e a taxa de positividade sobe ao 19,5%, que suma outras tres vítimas mortais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2022 | Actualizada ás 10:57

Comparte esta noticia

Os casos activos de Covid-19 seguen en descenso ao situarse en 11.605 no conxunto de Galicia, así como os pacientes hospitalizados, que baixan a 479 --supoñen 26 menos que a xornada anterior--, deles 14 en UCI, mentres que os novos contaxios aumentan a un milleiro --uns 80 máis--. Pola súa banda, a taxa de positividade increméntase ao 19,5 por cento.

Segundo os datos actualizados este mércores pola Consellería de Sanidade, con rexistros ata as 18,00 horas do martes, recollidos por Europa Press, descenden a 14 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 en Galicia --dúas menos-- e a 465 as hospitalizadas en unidades convencionais --24 menos--, mentres que 11.126 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio. Hai unha semana --o mércores 30 de marzo-- había 465 hospitalizados, 25 deles en críticos.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en cinco das sete: A Coruña-Cee, Ourense, Santiago-Barbanza, Lugo e Pontevedra-O Salnés; mantense sen cambios na de Ferrol; e só aumenta na de Vigo. En concreto, na área da Coruña e Cee queda un paciente ingresado pola Covid-19 en UCI --un menos que a xornada anterior-- e hai 103 noutras unidades --oito menos--; mentres que na de Ourense permanecen dou en UCI --dous menos-- e 61 noutras unidades --seis menos--.

No caso da de Santiago e Barbanza seguen cinco pacientes Covid en UCI --sen cambios-- e baixan a 81 os hospitalizados noutras unidades --cinco menos--; e na de Pontevedra e O Salnés continúa un en críticos e descenden a 55 os ingresados noutras unidades --cinco menos--.

Na área de Lugo mantéñense dous pacientes Covid en UCI e redúcense a 39 os ingresados noutras unidades --tres menos--; mentres que na de Ferrol non hai cambios, cun en críticos e 43 noutras unidades. E a área de Vigo destaca como a única con incremento de hospitalizados por este coronavirus, con dous pacientes en UCI --un máis-- e 83 noutras unidades --tres máis--.

CASOS EN DESCENSO

Segue en Galicia a tendencia descendente dos casos activos desde a entrada en vigor o pasado 28 de marzo de novo protocolo de vixilancia da Covid-19 polo que xa non se contabilizan os autotest e non se fan illamentos salvo excepcións, e redúcense a 11.605, que supoñen 1.031 menos que o día anterior ao haber de novo máis altas (2.041), que contaxios (1.012), ao que se engaden varios falecementos. O pasado mércores --30 de marzo-- había 19.587 infeccións activas.

De novo o descenso de casos é xeneralizado nas sete áreas, coa da Coruña e Cee á cabeza (-264), seguida da de Vigo (-185), Santiago e Barbanza (-152), Ferrol (-143), Pontevedra e O Salnés (-104), Ourense (-92), e Lugo (-88). Por tanto, con máis infeccións activas continúa a área da Coruña e Cee, con 2.359; seguida da de Vigo, con 2.135; Santiago e Barbanza, con 1.680; Lugo, con 1.580; Ourense, con 1.419; Pontevedra e O Salnés, con 1.302; e á cola mantense a de Ferrol, con 1.105.

UCI do Hospital Clínico de Santiago / ANA VARELA - SERGAS.   / Europa Press
UCI do Hospital Clínico de Santiago / ANA VARELA - SERGAS. / Europa Press

MÁIS DE MIL CONTAXIOS

Polo seu lado, os novos contaxios de Covid-19 --entre os que xa non se contabilizan os autotest positivos polo novo protocolo estatal de control e vixilancia deste coronavirus e non se fan probas de diagnóstico a poboación en xeral-- superan o milleiro ao detectarse outros 1.012, que supoñen 84 máis que os 928 do martes tras comezar a semana con 517 casos abertos nas últimas 24 horas. O mércores pasado --30 de marzo-- detectáronse 770.

E a taxa de positividade --número de PCR positivas por cada 100 realizadas-- aumenta ao 19,5 por cento, tras baixas ao 17,62% o martes, despois de iniciar esta semana nun 21%. Por tanto, segue por encima do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

FALECIDOS

As vítimas da pandemia pola Covid-19 ascenden a 3.231, ao notificar este mércores a Consellería de Sanidade outro tres falecementos rexistrados nos últimos días, que corresponden a tres mulleres maiores que tiñan patoloxías previas. Unha das mulleres, de 94 anos de idade, faleceu o pasado 30 de marzo na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés; outra de 93 anos morreu na de Vigo o 3 de abril; e o día 4 perdeu a vida outra de 91 anos na de Santiago e Barbanza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta