O BNG denuncia a "inacción" da Xunta para salvar o patrimonio da Casa de Galicia en Montevideo

Entre os bens atópase 'A Santiña', unha escultura de Francisco Asorey que "corre o risco de venderse nunha poxa e acabar en mans privadas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2022 | Actualizada ás 15:04

Comparte esta noticia

A coordinadora de Relacións Internacionais do BNG, Ana Miranda, e o deputado no Parlamento, Daniel Castro, instaron á Xunta de Galicia a exercer "un papel activo" respecto da Casa de Galicia en Montevideo para evitar que a escultura 'A Santiña', de Francisco Asorey, se venda nunha poxa e acabe en mans privadas, "salvagardando así todo o patrimonio cultural da institución".

"Resulta indignante a indiferenza e total desinterese do Goberno pola situación desta institución centenaria, creada en 1917 cos aforros de emigrantes galegos, así como o pouco poder político da Secretaría de Emigración", lamentou Ana Miranda. Segundo relatou, os membros constituíronse este martes co nome Casa de Galicia Centro Histórico Cultural para tentar protexer un patrimonio que, ademais de obras de arte, inclúe unha biblioteca.

A nacionalista, tal e como explicou, reuniuse o pasado 14 de marzo en Montevideo con exmembros da Comisión de Cultura de Casa de Galicia, representantes dos máis de 45.000 socios e dos 3.000 traballadores. Á súa vez, Miranda tachou de "indignante" a confirmación do Goberno de Uruguai de que o Executivo galego "se negou a axudar nesta difícil situación, aínda que llo solicitaron". "Ata que o BNG se desprazou a Montevideo non se soubo nada do Goberno galego", asegurou.

Daniel Castro, pola súa banda, foi o encargado de presentar as medidas que os nacionalistas propoñen á Xunta para actuar sobre a Casa de Galicia. As iniciativas, presentadas na Cámara galega, buscan que a Xunta "medie para alcanzar unha intervención urxente que protexa o patrimonio". Así, o deputado nacionalista pediu á Xunta que convoque de urxencia as tres forzas políticas para mediar, e mesmo "valorar a posibilidade" de que o propio Goberno compre a escultura de Asorey e o resto de bens da institución.

ASISTENICA SOCIOSANITARIA

Por outra banda, o BNG tamén mostrou a súa "profunda preocupación" pola situación sociosanitaria dos socios galegos polo cesamento ambulatorio e o traslado e derivación de pacientes a outras entidades dentro do Sistema Nacional de Saúde uruguaio.

É por este motivo que entre as propostas nacionalistas tamén se solicita á Xunta que continúe facéndose cargo da cobertura sanitaria de, aproximadamente, cen socios de avanzada idade e nunha situación socio-económica "bastante pésima". Os dous coincidiron ademais en sinalar que o PP ve á emigración como "un caladoiro de votos, mercadoría electoral"; ao contrario que para o BNG, "que son persoas, traballo e patrimonio".

"Hai dúas formas de actuar: a inacción do PP e o apoio do Bloque á diáspora, neste caso coa presenza de Ana Miranda en Uruguai. Se a Xunta non actúa para salvar o patrimonio da Casa de Galicia quedará demostrado unha vez máis que para o PP a emigración só é un caladoiro de votos", aseverou.

Ana Miranda e Daniel Castro en rolda de prensa. BNG
Ana Miranda e Daniel Castro en rolda de prensa. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta