Agustín Fernández Paz: “Escribimos cos fíos da vida”

Entrevistamos a unha das figuras máis destacadas da literatura contemporánea galega, con motivo do seu último libro, “A viaxe de Gagarin”, que xa vai pola súa segunda edición dende a súa publicación con Xerais en maio deste ano. Responde Agustín Fernández Paz, nado en Vilalba en 1947, mestre durante máis de trinta anos e promotor incansable da lectura e da lingua. (Vídeo no interior)

Por Xosé Gago | Santiago | 16/06/2014 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

552139_396151673825712_999837618_n

A viaxe de Gagarin
A viaxe de Gagarin
Agustín Fernández Paz

Agustín, es un home respectado polo público, e, o que resulta máis estraño neste país, polos compañeiros de profesión. De feito, acaban de dedicarche un número de Peonza con entrevistas e reportaxes especiais, que se sente recibindo unha homenaxe deste tipo?

R. Teño a fortuna de contar con lectoras e lectores que seguen o meu traballo, libro a libro. Sempre o digo: que te lean é o maior agasallo que pode recibir un escritor, máis ca calquera outro premio.

Eu non creo que resulte estraño o afecto por parte dos meus compañeiros de  profesión. Formamos un colectivo no que predominan a amizade e o respecto. Se cadra é porque sabemos as horas de traballo que hai detrás de calquera libro.

Pertenzo a unha xeración que creceu cos teus libros. Cartas de Inverno é un referente xeracional para nós, como pode ser o Xabarín Club ou o bocata de Nocilla. Crecemos e cambiamos contigo, pero en que cambiou Agustín Fernández Paz dende Cartas de Inverno a A viaxe de Gagarin?

Agustín Fernández Paz
Agustín Fernández Paz

R. Iso si que é unha loanza, agrádame ben que as Cartas de Inverno formen parte deses referentes! Hai case vinte anos entre un libro e outro, tamén eu cambiei nese tempo. A miña escrita antes era máis espontánea, mentres que agora reescribo e reviso os textos moitas máis veces. O que non cambiou, creo, é a paixón por contar unha historia, ese pulo que me leva a estar as horas que fagan falta ata lle dar remate ao libro.

Ao fío dos cambios, do paso do tempo e das cuestións xeracionais, con A Viaxe de Gagarin sacaches tamén un blog, como cambia isto a relación cos lectores? Ou mesmo coa escrita...

R. En case todos os libros hai un intenso traballo de documentación, que n'A viaxe de Gagarin foi moi extenso e interesante. Rematada a novela, pareceume unha mágoa que todo o lido e investigado quedase pechado nunca carpeta ou no disco duro. Daquela foi cando decidín facer o Blog Gagarin, onde recollo unha boa parte da documentación que utilicei. Estame gustando facelo; cando o acabe, quedará aí para aquelas persoas que desexen achegarse á España dos anos sesenta, independentemente de que lesen a novela ou non.

552139_396151673825712_999837618_n

N'A Viaxe de Gagarin, preséntasnos un tramo da vida do protagonista, alcuñado Gagarin, durante a súa adolescencia, e enmarcada pola carreira espacial. Que hai de Agustín na personaxe de Gagarin? (penso sobre todo no gusto pola lectura e o acceso a literatura prohibida)

R. Cando Flaubert dixo o seu célebre «Madame Bovary son eu» estaba a expresar dun xeito rotundo unha evidencia: sempre hai algo do autor nos personaxes que crea. A min gústame dicir que escribimos cos fíos da vida, entendendo a palabra vida nun sentido que recolla toda a súa complexidade. Así que é lóxico que eu lle preste a Gagarin unha parte das miñas experiencias de mocidade (a dos libros prohibidos, por exemplo), aínda que estean convenientemente transformadas.

Moi importante na vida desta personaxe é a figura de Francesca, o seu primeiro (e se cadra único) amor.  Ten razón o tango de Gardel e "siempre se vuelve al primer amor"?

R. Os amoriños primeiros / son moi malos de olvidare, di a canción. Eu creo que é certo, que a experiencia do primeiro amor nos marca a todas as persoas. No caso da novela, é certo que ao protagonista o marca dun xeito especial.

O amor entre Gagarin e Francesca é un amor "imposible", xa que son de castas diferentes, porén, pertencen a esa xeración que debía rachar coa idea das dúas Españas... pensas que se fixo historicamente esa "unificación"?

R. Na novela, non só son de distinta clase social; tamén pertencen a mundos enfrontados ideoloxicamente. E isto, nos anos do franquismo, tiña moita importancia. É certo que foron moitos os casos de parellas que souberon salvar esas diferenzas, mais tamén o é que as diferenzas de clase social seguen estando aí.

E en que punto estamos agora? Cantas Españas hai?

R. No que se refire ás clases sociais, é unha evidencia que o foxo entre ricos e pobres está a ampliarse cada vez máis. E que os espazos de socialización en común son moi reducidos: urbanizacións exclusivas, colexios separados, mesmo universidades específicas.

Así que non sabería dicir cantas Españas hai. O que si constato é que as clases altas cada vez teñen o seu territorio máis marcado e protexido. E que o ascensor social cada vez admite menos pasaxeiros.

Volvendo ao libro, estiven relendo estes días O Ano do Cometa. Resultoume evidente o paralelismo en canto a acontecementos "astrais" (no teu caso antrópicos) que determinan ou enmarcan a acción. É un recurso que permite elevar o particular a universal? Un exercicio de zoom de microscopia á macroscopia?

R. O contexto da carreira espacial, que é fundamental nos anos sesenta, víñame moi ben para establecer certos paralelismos coa vida do protagonista. Non podemos esquecer que o particular sempre é universal, nin que todas as persoas somos fillas do tempo que nos tocou vivir.

En canto ao valor da literatura. Gagarin recorda toda a historia dos seus pais no leito mortal da súa nai, en gran parte para transmitirllo á súa prole. Asemade, unha das personaxes do libro, escribe un diario que acaba caendo nas mans de Gagarin e legándolle segredos que doutro xeito non coñecería. Esa intención de legar á xeración seguinte, de transmitir aos "fillos" é a fin última da literatura?

R. A memoria, a ansia de contar as experiencias, a necesidade de deixar constancia do noso paso pola vida... son poderosos motores literarios. A literatura vence o tempo e vence o espazo, dalgún xeito constitúe a memoria da humanidade. É marabilloso abrir Follas novas e escoitar a voz de Rosalía falándolle ao lector!

Xa para rematar a entrevista. Pechas o libro cunha frase: "Mais eu non son novelista, nunca tiven esa ambición. Eu son só unha persoa que conta." Quen fala aí, Gagarin ou Agustín?

R. Fala Gagarin, a novela está narrada en primeira persoa. Mais, como antes expliquei, sempre hai fíos do autor en cada personaxe. Neste caso, eu tamén me considero esencialmente un narrador: o que me gusta é contar historias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta